Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A polémica escala en Ames: o BNG esíxelle a García que cumpra o regulamento

O alcalde ve «hipócrita» que sexan os nacionalistas os que pidan a aplicación da norma cando cre que foron os que non a respectaron

Momento dunha das votacións no pleno ordinario de maio no Concello de Ames

Momento dunha das votacións no pleno ordinario de maio no Concello de Ames / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Ames

Lonxe de atenuarse co paso dos días, a polémica xurdida en Ames cando a concelleira do BNG Natividade González abandonou o pleno ordinario de maio — despois de que o concelleiro do PP Pablo Beiroa aludira ao seu papel como deputada provincial— escalaba esta semana un novo chanzo. E é que os nacionalistas veñen de esixir por escrito no rexistro do Concello que se cumpra «dun xeito claro e rigoroso» o Regulamento Orgánico Municipal (ROM).

Segundo a voceira do Bloque, Escarlata Pampín, «a negativa do alcalde» a cumprir a norma supón «unha falta de respecto aos grupos da oposición» e «deteriora gravemente o funcionamento democrático da Corporación municipal».

Os nacionalistas lembran que o ROM establece claramente os tempos de intervención e a orde das quendas con criterios obxectivos e igualitarios. «A presidencia do pleno non pode actuar en función de intereses partidistas, xa que o que parte e reparte, quédase coa mellor parte, e iso non é admisible nunha institución democrática», sinalan.

O Goberno será «estrito» na aplicación do regulamento

En resposta, dende o Goberno socialista de Ames lembran que, como xa anunciaron na sesión plenaria, tralo abandono de Natividade González, que consideran «unha desafortunada saída de ton», a partir de agora o ROM «será aplicado de maneira estrita en todos os seus artigos».

O Executivo que dirixe Blas García cuestiona a actitude dos nacionalistas que «en vez de desculparse coa Corporación e a veciñanza tras unha gravísima falta de respecto», seguen «na súa particular fuxida cara adiante». Para os socialistas, é «hipócrita» que o grupo municipal que «incumpriu gravemente o ROM sexa o mesmo que agora pide a súa aplicación estricta».

No regulamento indícase que quen se considere aludido poderá solicitar unha quenda por alusións, se ben non se admitirán outras interrupcións. En calquera momento do debate os edís poderán pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando a palabra que entenden incumprida. O presidente, di a norma, resolverá o que proceda.

Tracking Pixel Contents