Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames e Brión celebrarán os días 13 e 14 con música e teatro o Altamira Brilla

Haberá unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla entre o arcebispo Alonso Fonseca II e Lopo Sánchez Moscoso

Teatralización nas Torres de Altamira no ano 2023.

Teatralización nas Torres de Altamira no ano 2023. / Cedida

Redacción

Ames

Altamira Brilla, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega á súa cuarta edición coas actividades que terán lugar os días 13 e 14 de xuño.

As Torres de Altamira, patrimonio da Deputación considerado Ben de Interese Cultural, foron construídas no século IX, derrubadas no XIV e construídas en 1471. 

Ovindeiro venres 13, dende as oito da tarde, actuarán nesa contorna o grupo de pandeireteiras da Costaneira de Ames, o grupo da Escola Municipal de Pandeireta de Brión e o grupo Carmela.  Para asistir é preciso reservar os convites de xeito gratuíto na Billeteira do Concello de Brión.

O sábado 14 haberá unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla que tivo lugar o 13 de xuño de 1471 entre as tropas do arcebispo Alonso Fonseca II e Lopo Sánchez Moscoso. Combinaranse tramos e pé e en autobús cun percorrido polos escenarios da Batalla de Altamira (Augapesada, Ponte Maceira, Trasmonte e As Torres). Para inscribirse na ruta é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo rutabatallaaltamira@gmail.com.

Os participantes sairán en autobús ás 16.30 da Carballeira de Santa Minia (Brión) e ás 16.45 dende o Pazo da Peregrina (Ames).

Ás 17.00 iniciarase a a ruta desde Augapesada (Ames) e ás 20.00 rematará nas Torres. O regreso do autobús ata a Carballeira de Santa Minia e ao Pazo da Peregrina será ás dez da noite. As persoas que participen nesta actividade percorrerán un tramo a pé dende Augapesada, polo Mar de Ovellas (só se percorrerá o tramo de terra).

De seguido, o autobús recollerá os participantes para trasladalos ata A Ponte Maceira, e de alí ata a igrexa de Trasmonte, dende onde se realizará o último tramo andando ata as Torres de Altamira, pasando polo Pazo e Leboráns.

A hora de chegada ás Torres está prevista para as 20.00 horas. Haberá media hora de descanso ata as 20.30, momento no que comezará a presentación e contextualización da representación teatral a cargo do grupo Os Quinquilláns. Ás 22.00 horas, cando remate dita representación teatral, as persoas participantes na ruta volverán en autobús ata a Carballeira de Santa Minia e ao Pazo da Peregrina. 

Ademais das persoas que participen na ruta teatralizada, os veciños e veciñas que o desexen poderán acudir á representación teatral do grupo Os Quinquilláns. Para elo hai que reservar os convites de xeito gratuíto na Billeteira do Concello de Brión. Ás 20.30 haberá unha presentación e contextualización; e ás 21:00 hora comezará a representación teatral.

Tracking Pixel Contents