A formación agraria crece en Galicia: máis prazas, novas especializacións e mozos "máis competitivos"
Ofrecéranse 406 prazas de novo ingreso, un 11% máis ca neste curso
No vindeiro curso ofertaranse oito ciclos de grao medio e seis de nivel superior

María José Gómez e Martín Alemparte / Xoán Crespo

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, presentou este luns a oferta formativa para o vindeiro curso 2025/2026 nos seis centros de formación e experimentación agraria (CFEA) dependentes do departamento: Sergude (Boqueixón), Guísamo (Bergondo), Becerreá, Pedro Murias (Ribadeo), Monforte de Lemos e Lourizán (Pontevedra).
De cara ao vindeiro curso, «ante a demanda existente», a Consellería ofertará un total de 406 prazas de novo ingreso nos diferentes ciclos, incrementándose nun 11% respecto ao curso actual. Este incremento acrecentará a demanda nos seis centros formativos que, segundo detallou Martín Alemparte, «levan décadas formando as novas xeracións do agro galego, cunha aposta firme pola sustentabilidade do sector, a innovación, a profesionalidade e a súa especialización».
A titular do departamento recordou que nos seis centros impártense oito cursos de FP Media (dous en Xardinaría e Floraría, catro en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, un en Produción Agropecuaria e un en Produción Agroecolóxica) e seis de grao superior (dous en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, dous en Paisaxismo e Medio Rural e dous en Xestión Forestal e do Medio Natural). Ademais desta oferta, dende a Consellería tamén se ofrece outro tipo de formación, concretamente en Monforte de Lemos co curso de Aptitude empresarial agraria.
Tres novidades no novo curso
De cara a este novo curso, a conselleira subliñou que se introducen tres grandes novidades. En primeiro lugar, destacou a posta en marcha do curso de especialización en Floraría e Arte Floral no centro de Guísamo, ao que «se poderá acceder dende o grao medio de Xardinaría e Floraría».
Por outra banda, neste novo curso «duplicamos as prazas na FP Dual intensiva en Sergude». Neste sentido, o ciclo de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, «o máis demandado de todos», contará con 44 prazas na modalidade intensiva, o dobre que na anterior convocatoria. A estas 44 prazas hai que engadir as outras 22 ofrecidas na modalidade xeral, que permiten acadar as 66 novas prazas no primeiro curso do ciclo. A titular do Medio Rural incidiu en que se trata dun ciclo moi demandado «para todos eses mozos que se incorporan a esas explotacións», así como para «aqueles que queren acceder a titulacións universitarias como veterinaria ou as enxeñerías relacionadas co sector agrario», xa que «lle serven de trampolín e de motivación».
Por último, a conselleira destacou que a última das novidades «é que ampliamos en servizos». Ao respecto subliñou que se abrira no próximo curso a residencia do Pedro Murias, en Ribadeo, que contará tamén con servizo de comedor e no que se ofertarán 21 prazas. «É algo demandado porque é difícil atopar acomodamento e así os rapaces poderán ter ese servizo que consideramos que é esencial para que aposten polos nosos centros», engadiu María José Gómez. Coa creación da residencia e comedor no centro de Ribadeo, en total, en toda a comunidade ofértanse 241 prazas entre ambos servizos, 41 máis ca neste curso.
Experiencia para a remuda xeracional
Por outra banda, a conselleira fixo fincapé en que estes centros caracterízanse «por esa parte práctica e esa conexión co agro e forestal que é a característica principal que os diferencia do resto dos centros que imparten formación profesional». Ademais, subliñou a colaboración das empresas do sector, coa implicación de preto de 70 na modalidade dos graos intensivos. «É unha oportunidade para eles para entrar nese mercado laboral e, por outra parte, para o sector para conseguir man de obra cualificada», engadiu.
A maiores, María José Gómez destacou especialmente a «importancia que ten para nós esa remuda xeracional» no agro. Deste xeito, incidiu na importancia tanto das axudas como da formación: «É moi importante que os rapaces que se incorporan á actividade agrogandeira ou forestal pois teñan esa formación que os diferencia do resto. Van ser máis competitivos e van levar ás súas empresas todas esas técnicas e esa formación que adquiren nos centros especializados». Ao respecto, a conselleira subliñou que estas formacións contan «cunha inserción laboral bastante alta».
Neste novo curso ofertaranse 110 prazas no CFEA de Sergude, 164 no de Guísamo e 44 tanto nos de Pedro Murias, Becerreá e Lourizán. Mentres que o CFEA de Monforte de Lemos ofrece cada ano formación a preto de 200 persoas.
- El pueblo gallego que reparte 20.000 raciones de callos este fin de semana: ideal para recorrer a pie, con catas gratis y cine al aire libre
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Seis policías nacionales salvan la vida a una mujer tras una brutal agresión de su pareja en una vivienda de Santiago
- La historia de cuatro profesores que llegan con plaza a las aulas gallegas: 'As ganas superan o medo
- Santiago y sus rincones secretos: ya puedes inscribirte en las visitas de la Semana del Patrimonio Invisible
- Muere a los 102 años 'la señora Trini', fundadora de Casa Mallou y un referente en Amio: «Es una noticia muy triste para el barrio»
- Galicia se enfrenta a una nueva jornada de calor extremo: la Xunta mantiene la alerta roja por temperaturas de 40 grados
- Regresa a Santiago la moda de los mercadillos de Viena con más de 800 prendas de segunda mano desde 1 euro


