Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INDUSTRIA

A Xunta avala ambientalmente unha planta de residuos de construción en Mazaricos

O promotor é Excavaciones Yoni Tuñas SL e ubicarase na parroquia das Maroñas

Instalacións da empresa Excavaciones Yoni Tuñas, promotora da planta de residuos

Instalacións da empresa Excavaciones Yoni Tuñas, promotora da planta de residuos / Páxinas Galegas

Mazaricos

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre unha planta de valorización de residuos de construción e demolición no concello de Mazaricos, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.

Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Excavaciones Yoni Tuñas SL, "é ambientalmente viable".

A DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de seis organismos consultados e sen que se recibira ningunha alegación ao expediente.

Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos ou protección da fauna, vexetación e hábitats, entre outros.

Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.

A instalación localizarase nunha parcela na parroquia das Maroñas e tal e como consta no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor, para a súa posta en marcha será necesario construír unha lousa de formigón de 180 m2 de superficie.

A xestión dos residuos non perigosos de construción e demolición realizarase de dúas formas diferentes. A primeira, utilizando con tal fin unha pequena planta móbil (machacadora) para valorizalos e reutilizalos de forma inmediata in situ como material de recheo. A segunda, para a que se utilizará a planta obxecto de avaliación ambiental, permitirá reciclar ou valorar os residuos sobrantes coa mesma machacadora móbil localizada na parcela formigonada, onde tamén serán almacenados para a súa posterior reutilización.

Tracking Pixel Contents