Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Estrada invita en Braga a coñecer a Rapa das Bestas de Sabucedo a través do Camiño da Geira

A cita presentouse na localidade lusa, da que saíron o 72% dos peregrinos que fixeron o histórico itinerario no que vai de ano

Pola esquerda, Valentín García, Pedro Soares e Gonzalo Louzao, este xoves en Braga.

Pola esquerda, Valentín García, Pedro Soares e Gonzalo Louzao, este xoves en Braga. / Cedida

Redacción

A Estrada

O secretario xeral da Lingua, Valentín García; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; e representantes da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (Manuel Cabada, Javier Quintillán e Iván Sanmartín)presentaron este xoves en Braga (Portugal) a vindeira edición da Rapa das Bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional, que se celebrará do 4 ao 7 de xullo.

No acto participou tamén Carlos da Barreira, representante de Codeseda Viva, a asociación que abandeirou a aposta estradense polo Camiño da Geira e dos Arrieiros, coa finalidade de dar visibilidade, na cidade lusa da que parte a referida ruta xacobea, á confluencia entre estas dúas manifestacións culturais e de identidade que teñen na parroquia de Sabucedo un denominador común.

Da Barreira dixo que entre 2017 e 2025 estímase que percorreron o Camiño da Geira 6.847 peregrinos, coa emisión de 2.730 Compostelas.

Calcúlase que o 70% deles proceden de Portugal, un 16% de España e un 14% doutros países.

Asistentes á presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, este xoves en Braga.

Asistentes á presentación da Rapa das Bestas de Sabucedo, este xoves en Braga. / Cedida

Este ano foron xa 375 os peregrinos contabilizados neste Camiño. O 96% iniciaron o percorrido en Portugal (o 72% fixérono concretamente en Braga).

Valentín García dixo que a rapa «é un suceso continuo dun feito antropolóxico que ten que ver coa natureza e coa idiosincrasia do pobo galego á hora de agarimar estes animais tan nobres e tan potentes». «Quixemos traelo a Braga porque é unha importante cidade, de 200.000 cidadáns, cada día máis preto de Galicia, na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal», engadiu. 

Gonzalo Louzao sinalou que «o Camiño da Geira que aquí nace e a nosa ancestral Rapa das Bestas teñen Sabucedo como nexo de unión. Sabucedo é berce dunha e acubillo doutro».

68 xornalistas de 10 países

Xa son 68 os xornalistas acreditados para dar cobertura informativa á Rapa deste ano, unha cifra que se agarda triplicar. Está xa confirmada a presenza en Sabucedo de medios de comunicación de 10 países de 4 continentes: Estados Unidos, Escocia, Exipto, Reino Unido, República Checa, Romanía, Nova Zelandia, Francia, España e Portugal.

«A Rapa das Bestas de Sabucedo encaixa á perfección neste camiño no que dous países irmáns nos damos hoxe e sempre man. Os peregrinos saen de Braga, cada vez en maior número, percorrendo montañas, bosques e paisaxes nas que a cabana de Sabucedo ten, dende hai séculos, o seu fogar», sinalou Louzao.

O adxunto ao presidente da Cámara de Braga, Pedro Soares, destacou tamén o importante nexo que supón o Camiño e animou os presentes a aproveitar a oportunidade brindada a través de dito acto «para coñecer de preto a tradición de Sabucedo».

Tracking Pixel Contents