Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

BIODIVERSIDADE

Soltan oito polos de píllara en Baldaio para axudar a recolonizar o norte da provincia

Foron criadas en catividade no centro de recuperación da fauna de Oleiros

Belén do Campo e Pilar Arias soltando os polos de píllaras en Baldaio

Belén do Campo e Pilar Arias soltando os polos de píllaras en Baldaio / X. G.

Carballo

As dunas da praia de Baldaio (Carballo) contan con novos inquilinos: 8 polos de píllara, que foron soltado pola delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, no marco dun plan que ten como obxectivo que esta especie volva reconolizar o norte da provincia da Coruña, onde se ten detectado un descenso da poboación nos últimos anos. 

As principais ameazas para estas aves son a destrución e alteración dos seus hábitats pola acción humana, como solta de cans nas praias ou a limpeza mecanizada dos areais. Ademais, tamén lles afecta a predación por parte doutras especies, polo que Do Campo fixo un chamamento á cidadanía para que se «respecte escrupulosamente as sinalizacións e carteis informativos instalados nas praias onde aniña esta especie».

Trátase dunha ave clasificada como «vulnerable» no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración entre España e Portugal a través de Interreg dentro do proxecto Iberalex. 

Participantes na solta de oito polos de píllaras nas dunas de Baldaio

Participantes na solta de oito polos de píllaras nas dunas de Baldaio / X. G.

As novas píllaras de Baldaio foron criadas en catividade no Centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta de Galicia ten en Oleiros a partir de ovos recollidos na natureza na primavera. A esperanza media de vida é de 3 ou 4 anos e a etapa reprodutiva comeza aproximadamente ao cumprir o primeiro ano.

Belén do Campo, esquerda, e Pilar Arias observando unha píllara xa en liberdade

Belén do Campo, esquerda, e Pilar Arias observando unha píllara xa en liberdade / X. G.

Belén do Campo subliñou que no último censo, realizado en 2024 na costa galega pola Universidade de Santiago, a poboación nidificante foi de 86 parellas distribuídas por 25 praias, a cifra máis alta rexistrada nos últimos 6 anos pero aínda lonxe do tamaño poboacional mínimo de 250 parellas que se estableceu como poboación viable para descualificala da súa categoría de «vulnerable».

A actividade en Baldaio contou tamén coa participación dos encargados deste proxecto da Universidade de Santiago, Jesús Domínguez e María Vidal, profesor titular e técnica superior de investigación, respectivamente, do departamento de Zooloxía.

Características

A píllara das dunas é unha ave limícola de entre 150 e 175 milímetros. A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que na costa cántabro-atlántica do norte foi desaparecendo ata atoparse unicamente nalgunhas zonas de Galicia.

Tracking Pixel Contents