O Concello de Brión estuda a creación dun Espazo Xuvenil no centro comercial Montebalado a petición do alumnado do IES
Esta proposta enmárcase no proxecto europeo liderado pola ONG Agareso 'Rede Compás'

Pablo Lago, terceiro pola esquerda, durante o encontro cos alumnos do IES de Brión / Cedida
O Concello de Brión podería contar proximamente cun novo Espazo Xuvenil Municipal. Así o anunciou o alcalde, Pablo Lago, tras manter unha xuntanza con rapaces do IES de Brión, que lle trasladaron un manifesto no que propoñen habilitar un espazo para a mocidade no Centro Comercial Montebalado "para recuperar a actividade e que sexa un lugar máis transcorrido".
"A creación dun espazo onde a nosa mocidade poida levar a cabo as actividades que desexen é un compromiso deste equipo de Goberno e imos cumprilo. Paréceme moi razoable a vosa proposta de emprazamento", sinalou o rexedor, que se comprometeu a estudar a viabilidade de adaptar unha das dependencias do centro comercial para este fin.
Na reunión, celebrada no despacho da Alcaldía, estiveron tamén presentes os concelleiros de Ensino, Guarina Rey, e de Obras, José Antonio Vidal, que valoraron moi positivamente a iniciativa.
Neste sentido, Rey destacou a importancia de fomentar a participación activa da mocidade: "Organizamos dúas reunións abertas, pero non tiveron moito éxito, polo que fomos directamente ao instituto para manter reunións periódicas cos delegados de cada curso nas que nos puideran trasladar as vosas ideas e propostas, e foi cando nos atopamos con esta iniciativa que me parece moi interesante".
Pola súa banda, o responsable de Obras lembrou as actuacións xa en marcha para mellorar os espazos xuvenís do municipio, como a ampliación do polideportivo de Pedrouzos, a cesión do patio do IES Brión para uso fóra de horas lectivas, e a tramitación dunha parcela onde se construirá o futuro auditorio municipal, que tamén incluirá unha biblioteca intelixente e espazos culturais polivalentes.

Encontro entre alumnos do IES de Brión e o alcalde / Cedida
"Trátase dun proxecto moi ambicioso e que require dunha forte inversión, polo que non é algo que poida facerse de hoxe para mañá. Pero mentres seguimos traballando nel, trataremos de habilitar ese Espazo Xuvenil Municipal que nos solicitades", engadiu Pablo Lago.
Durante o encontro, o alumnado tamén puxo sobre a mesa outras preocupacións, como a seguridade viaria nas estradas de Liñares e Pérros, ambas de titularidade autonómica. O alcalde explicou que o Concello xa trasladou as súas demandas á Xunta, e que "a recente licitación do proxecto de renovación das luminarias de todo o municipio, que comezará a executarse en breve, permitirá mellorar o alumeado en zonas como os pasos de peóns, polo que tamén colaboraremos a mellorar a seguridade".
Unha proposta con selo europeo
A proposta presentada pola mocidade do IES de Brión enmárcase na Rede Compás, un proxecto europeo liderado pola ONG Agareso e financiado polo programa Erasmus Plus KA154. Esta rede promove o activismo xuvenil en zonas rurais e a interlocución directa coa administración local, buscando que a mocidade sexa protagonista na construción do seu futuro.
A Rede Compás está formada por alumnado de cinco institutos galegos: Illa de Ons (Bueu), Carlos Casares (Viana do Bolo), Virxe de Cela (Monfero), Pintor Colmeiro (Silleda) e o centro brionés.
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- La profesora Marina Paredes se despide entre vítores tras 42 años de docencia en el Colexio Compañía de María
- «Visitar esta zona de la Catedral de Santiago es algo increíble»
- La carrera por el Rectorado de la Universidade de Santiago tendrá cuatro candidatas: Mar Lorenzo no se presenta
- Biotecnología rural a base de castañas: 'Queremos crear una industria de enzimas en Galicia
- Pesar por la muerte de Ramón Martínez-Rumbo, exdirector de Neurocirugía del CHUS y pionero en cirugía del Párkinson

