Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón, acolle este venres a entrega dos premios PEL 2025 da Deputación

Cada unha das empresas gañadoras recibirá 20.000 euros

Instalacións do Campus Tecnolóxico de Cortizo.

Instalacións do Campus Tecnolóxico de Cortizo. / Cortizo

Padrón

A Deputación da Coruña celebra este venres 20 de xuño, a partir das 19.30 horas, a gala de entrega da sétima edición dos Premios PEL, uns galardóns que recoñecen as mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña e que xa se consolidaron como un referente no panorama económico galego.

O acto terá lugar no Campus Tecnolóxico Cortizo de Padrón, nun encontro que reunirá representantes do tecido empresarial, institucional e social da provincia e que estará presidido polo titular do Goberno provincial, Valentín González Formoso.

Os Premios PEL, impulsados pola área de Emprego da Deputación, teñen como obxectivo poñer en valor o papel fundamental das empresas como xeradoras de riqueza, emprego e benestar. Ademais, buscan contribuír á sustentabilidade do territorio, fomentar a cultura emprendedora e dar visibilidade a proxectos que deixan unha pegada positiva no ámbito socioeconómico da provincia.

Nesta edición rexistrouse unha participación récord, con 127 candidaturas presentadas nas tres categorías que conforman os galardóns. A categoría de Iniciativa emprendedora rexistrou 31 candidaturas; a de Traxectoria empresarial, 79; e, por último, a de Proxección e innovación sostible contou con 17 candidaturas seleccionadas directamente polo xurado.

Un dos principais cambios introducidos este ano foi a renovación do xurado, que se fixo máis plural e paritario coa incorporación de representantes de empresas de economía social e a garantía da igualdade de xénero na súa composición. Tamén se ampliaron os criterios de antigüidade das empresas participantes e simplificouse o proceso de presentación de candidaturas, co fin de facilitar a participación.

O xurado, composto por persoas expertas do ámbito empresarial e institucional, reuniuse o pasado 4 de xuño para deliberar sobre as propostas presentadas, valorando aspectos como a orixinalidade da idea de negocio, o grao de innovación, o compromiso social, a responsabilidade social empresarial e o impacto das iniciativas no territorio.

Cada unha das tres categorías dos Premios PEL está dotada cun premio de 20.000 euros, o que converte este certame nun dos máis relevantes no ámbito do emprendemento tanto a nivel galego como estatal.

Ademáis, o xurado pode conceder outros tres accésits dotados con 5.000 euros cada un. 

Tracking Pixel Contents