Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O coworking A Proa acolle o día 27 un obradoiro sobre redes sociais aberto á veciñanza

Ensinaráse a usar e xestionar as ferramentas dixitais para mellorar as estratexias de comunicación das empresas

A proposta impartirase de 12.00 a 14.00 horas.

A proposta impartirase de 12.00 a 14.00 horas. / Coworking A Proa

Iago Rodríguez

Ames

O vindeiro venres 27 de xuño, o Espazo de Coworking A Proa, localizado no Milladoiro, acollerá un obradoiro centrado no uso e a xestión que se pode facer das redes sociais, no que se impartirán contidos básicos sobre como manexalas dentro dun ámbito empresarial. Isto inclúe información sobre ferramentas útiles para axudar coa xestión de redes, os tipos de contido que publicar ou como organizar e planificar a comunicación dun negocio.

A proposta será impartida por Carolina Buján, experta dende hai máis de 5 anos no ámbito da comunicación e marketing dixital e coworker en A Proa co proxecto A Masa Comunicación Artesanal, unha axencia especializada en servizos dixitais que ofrece proximidade e un enfoque adaptado e personalizado a cada proxecto.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou sobre este obradoiro que “é unha oportunidade para que participen todas as empresas de Ames que estean interesadas en mellorar a súa estratexia de comunicación, sobre todo porque a día de hoxe, as redes sociais son unha ferramenta moi útil para dar a coñecer os produtos e servizos que ofertan as propias empresas”.

Nesta actividade poderá participar calquera veciña ou veciño de Ames interesado en formarse sobre como utilizar dunha forma óptima as ferramentas dixitais dentro dun negocio. O obradoiro impartirase en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas.

Tracking Pixel Contents