Tres empresas de Ames, Carballo e Oroso galardoadas nos Premios PEL da Deputación da Coruña
A sétima edición dos galardóns rexistrou a maior participación, con 127 candidaturas, e cada unha das empresas recibiu 20.000 €

Anxo Arca, 2º pola esquerda, e Valentín González Formoso, 7º, con premiados na gala de onte / CEDIDA
O Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, acolleu este venres a gala de entrega dos Premios PEL da Deputación Provincial da Coruña, uns galardóns que recoñecen anualmente as mellores iniciativas empresariais da provincia.
Nesta sétima edición, as empresas galardoadas foron CLUN (Ames), co premio á Proxección e Innovación Sostible; Espazo Nature Retreat S.L. (Carballo), na categoría Iniciativa Emprendedora; e Somadrome Films S.L. (Oroso), na categoría Traxectoria Empresarial.
Estas tres empresas recibiron cada unha un premio de 20.000 euros polo seu compromiso co emprendemento, a innovación e a sustentabilidade.
A edición deste ano fixo ademais historia, ao rexistrar a maior participación dende a creación dos premios, con 127 candidaturas presentadas, entre as que destacaron, á marxe das tres empresas premiadas, Orixe Salgada S.L. (Boiro), na categoría Iniciativa Emprendedora; La Pradera Online, na de Traxectoria Empresarial; e Galopín Playgrounds S.L., na de Proxección e Innovación Sostible, que foron recoñecidas polo xurado con sendos accésits dotados cun premio económico de 5.000 euros.
«Esta alta participación demostra que os Premios PEL interesan, que son necesarios e que están plenamente consolidados como un referente no ecosistema empresarial da provincia», destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, encargado de presidir a gala.
«Cada candidatura é unha mostra de ilusión, de traballo e de compromiso co territorio. Estes premios visibilizan proxectos que están a transformar o noso rural, a nosa economía e a nosa sociedade», engadiu Formoso, quen felicitou as empresas premiadas polo seu «talento, esforzo e capacidade de innovar dende calquera punto da provincia».
Durante o acto, o presidente da institución provincial tamén fixo un balance do Plan de Emprego Local (PEL), ao que sinalou como «un dos proxectos máis transformadores da Deputación da Coruña».
Neste sentido, incidiu en que se trata «do maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que leva investidos 120 millóns de euros dende o seu inicio, con 7.700 empregos creados, 2.700 pemes e 4.000 autónomos beneficiados».
Por outra banda, durante a xornada tamén se lle entregou un recoñecemento especial á xornalista Fernanda Tabares.
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Anubis Dimitri, el gallego que comparte su vida con cuervos y triunfa en internet: 'Mi motor de vida es ayudar a los animales
- El precio de la gasolina no para de aumentar en Santiago y ya supera los 1,75 euros el litro en algunos surtidores
- Una spin-off finlandesa situada a 3.000 kilómetros de Santiago monta el nuevo superordenador cuántico para el Cesga: 'Será uno de los más potentes de Europa
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
