Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un concerto de Carlos Núñez ou atardeceres no Pico Sacro, a proposta para promover "o buque insignia" do turismo de Boqueixón

As entradas para a actuación, que será o 30 de xullo, xa están á venda por 23 euros

Amencer dende o Pico Sacro

Amencer dende o Pico Sacro / Cedida

Boqueixón

Co obxectivo de promover e fomentar o Pico Sacro, "o buque insignia dos recursos turísticos de Boqueixón", o Concello desenvolverá este verán tres iniciativas diversas con este fin.

A máis destacada é o concerto que ofrecerá Carlos Núñez o vindeiro 30 de xullo, ás 20.00 horas, dentro da súa xira Lugares máxicos 2025. "Será un concerto único e irrepetible nun dos lugares máis máxicos e lendarios de Galicia que tamén se está amosando ultimamente como un recinto excepcional para acoller este tipo de espectáculos", destacou o alcalde, Ovidio Rodeiro.

As entradas para o concerto xa están á venda por 23 euros e poden adquirirse na web www.carlosnunez.com.

Visitas guiadas

Por outro lado, o Concello de Boqueixón levará a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e ata o 14 de setembro un programa de visitas guiadas de balde ao monte ilicino. Serán uns percorridos de hora e media que terán lugar os venres, sábados e domingos, e nos que os participantes coñecerán polo miúdo unha das montañas máis míticas de Galicia, fonte de innumerables lendas e contos populares.

O punto de encontro é o aparcadoiro do monte ilicino, con tres horarios dispoñibles: 12.00, 16.00 e 18.00 horas. A participación é de balde, aínda que por cuestións de organización é necesario inscribirse previamente no Departamento de Turismo, ben chamando ao 981 513 061 ou enviando un mail a boqueixonturismo@gmail.com.

Vistas dende o Pico Sacro

Vistas dende o Pico Sacro / Cedida

Atardeceres no Pico

Ademais, os venres 4 e 11 de xullo, haberá dúas sesións especiais: Atardeceres no Pico, unha visita guiada na que as persoas participantes poderán desfrutar dunha espectacular posta de sol dende o cumio do Pico Sacro.

O punto de encontro para os Atardeceres no Pico será tamén o aparcadoiro, ás 20.30 horas. O número de prazas de cada sesión é limitado, polo que é preciso inscribirse a través dos mesmos medios.

Tracking Pixel Contents