Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFORME

Luz verde ambiental á ampliación dunha explotación de vacún en Mazaricos

Carreira de Afonso aumentará as instalacións no lugar de Lago

Explotación de vacún de leite Carreira de Afonso, en Mazaricos

Explotación de vacún de leite Carreira de Afonso, en Mazaricos / Páxinas Galegas

Mazaricos

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental ao proxecto para ampliar unha explotación de gando vacún de leite en Mazaricos, promovido por Carreira de Afonso SL. Unha vez completadas as intervencións a nave principal ocupará 4.320 metros cadrados, dos que 3.720 m2 serán útiles para as vacas, e os 600 restantes para espazos como a leitaría, sala de muxido ou sala de espera.

A explotación atópase no lugar de Lago, sobre unha parcela de máis de 12.000 metros cadrados. As obras proxectadas buscan aumentar o benestar dos animais e mellorar o seu manexo, e suporán a ampliación de 1.620 m2 da nave de estabulación libre para vacas adultas de muxido, vacas de preparto e zona de destete de xatas. Ao mesmo tempo estenderase a fosa de xurros ata unha capacidade de almacenamento de máis de 3.000 m3.

A autorización está supeditada ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.

O informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático considera que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

A documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica; do solo; das augas; xestión de residuos; xestión dos xurros e dos animais mortos; integración paisaxística; protección da fauna e da flora; do patrimonio cultural; optimización enerxética e loita contra o cambio climático, entre outros.

Tracking Pixel Contents