Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Santa Comba acusa o alcalde de "apropiarse" de obras dos seus predecesores

A formación asegura que "só 12 das 135 entidades de poboación van ver algunha obra, na súa maioría asfaltados ou rebacheos"

María Pose, dereita, nun acto electoral en maio de 2023.

María Pose, dereita, nun acto electoral en maio de 2023. / Cedida

Santa Comba

"Santa Comba está a vivir o mandato municipal máis decepcionante da súa historia. O actual alcalde, Alberto Romar (PSOE) non sabe facer outra cousa que apropiarse das obras proxectadas, deseñadas e ata con financiación conseguidas polos rexedores que o precederon", sinala o PP local.

"Semella que os mellores membros do Goberno de este alcalde que tanto ía facer son David Barbeira e María Pose, na súa alianza con Ucha, que deixaron actuacións deseñadas, aprobadas e con financiación por importe de 2,3 millóns de euros", engaden os populares.

María Pose, que estivo dous anos ó frente do Goberno, deixou para iniciar a ampliación do polígono industrial despois das xestións na Xunta; a renovación de trece paradas de autobús, licitadas pola Xunta en novembro de 2023; a renovación integral do Colexio Barrié de la Maza con numerosas xuntanzas con membros do Goberno autonómico e o compromiso da financiación antes de que os socialistas simplemente presentaran unha pregunta no Parlamento, sen máis méritos; o proxecto do entorno da Casa do Pozo de naturalización de espazos urbanos contra o cambio climático; o obradoiro de emprego Constrúe en verde, deseñado e plantexado no primeiro semestre de 2023; a concentración parcelaria de Freixeiro, proxecto no que traballaron todos os alcaldes da democracia e cuxas últimas xestións fixo María Pose; a nova rede de abastecemento de auga potable desde San Cristóbal; a mellora de viarios e saneamiento en Guisande; a mellora de pavimentación vial entre Cruz de Santos (Ser) e A Ermida (A Baña); a mellora de pavimentación do vial entre Freixeiro Iglesia, A Illa, Castropombo e Portocarreiro; a mellora da pavimentación en Vilar de Abaixo na parroquia da Pereira; a mellora de beirarrúas e instalacións no tramo inicial da avenida do Brasil; e a renovación de saneamento e beirarrúas da avenida de Santiago", explican ao respecto dende o PP de Santa Comba.

Todas estas obras son, segundo aseguran, "herdanza de anteriores gobernos, por moito que Alberto Romar se coloque para a foto". Os populares din que o actual alcalde "tras dous anos, só pode presumir de pechar unha única obra: a mellora da capa de rodaxe no núcleo de Sabaceda e acceso ao cemiterio, que no momento do seu remate xa tiña problemas de pozas e con toda seguridade habería que bacheala en inverno a máis tardar".

Os populares recoñecen que "ten algunha obra máis en marcha", pero que o Goberno local se limita "a aglomerados e capas de rodaxe". "Só hai unha que non afecta aos viais: a do Campo da Feira, que presenta conflitos veciñais, técnicos e ata administrativos e sementa moitas dúbidas sobre a súa viabilidade".

O PP de Santa Comba lembra que o municipio ten 17 parroquias e 135 entidades de poboación, e di que "un 75% das parroquias non son obxecto de ningunha actuación e só 12 das 135 van ver algunha obra, na súa maioría asfaltados ou rebacheos".

A formación lamenta tamén que en xuño de 2024 "o Ministerio de Hacienda interviu o Concello de Santa Comba como un dos máis morosos de España". "A débeda de Alberto Romar a 31 de decembro era de 1.663.215,90 euros e o período de pago a provedores era de 234 días, cando María Pose deixou un déficit de 388,788,41 euros e pagaba en 26 días. E ,a maiores, o interventor levaba dúas décadas en Santa Comba, e agora en dous anos van camiño de catro", engaden.

Finalmente, o PP de Santa Comba anuncia que "pronto" dará a coñecer un estudo moito máis amplo "e cargado de datos, para que os veciños poidan comprobar a quen teñen á fronte do Concello".

Tracking Pixel Contents