Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG critica que o PP levou a Teo a dous anos de "parálise": "Un Concello como este non merece unha alcaldesa así"

O voceiro nacionalista, Eloi Devesa, incidiu en que o goberno de Lucía de Uz "carece de competencia para xestionar o concello"

Membros do BNG de Teo

Membros do BNG de Teo / Cedida

Teo

O BNG de Teo fixo este luns balance dos dous anos do PP ao fronte do goberno, un período que definiu como de «parálise e escasa calidade democrática». O voceiro nacionalista, Eloi Devesa, incidiu en que o goberno presidido por Lucía de Uz «carece de competencia para xestionar o concello».

«Tristemente, foron dous anos perdidos para Teo e a súa veciñanza», sinalou o portavoz nacionalista, para o que «a falta de impulso do PP» vese, entre outras cousas, «na incapacidade de promover a creación dun novo centro de saúde necesario para atender á poboación» e lembra que foron continuas as mobilizacións «para esixir unha atención sanitaria de calidade».

Tamén explicou que o goberno teense «tampouco avanzou en materia de comunicación». Ao respecto, sinalou que «ao tempo que periga a seguridade viaria pola falta de acondicionamento dos viais, hai tres millóns de euros para obras sen ser utilizados o que confirma os problemas de xestión do goberno municipal».

«Un concello como Teo non merece unha alcaldesa así, que utiliza a súa maioría absoluta de maneira autoritaria impedindo mesmo o traballo da oposición, por exemplo, ao non deixar presentar mocións ao pleno», engadiu Eloi Devesa, quen criticou «a falta de diálogo e os atrancos que pon a alcaldía á acción política».

Tracking Pixel Contents