Entrevista | Gonzalo Louzao Alcalde da Estrada
"Rueda entendeu que A Estrada é un concello estratéxico na Galicia interior"
O rexedor destaca que a folla de ruta lle está dando á localidada unha das mellores etapas da súa historia

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada / Jesús Prieto

Chegou á Alcaldía inesperadamente tralo nomeamento, hai 14 meses, de José López Campos como conselleiro de Cultura, pero móvese no cargo coa confianza que lle dá o seu coñecemento da xestión municipal. Convencido do potencial do concello, Gonzalo Louzao avanza nunha folla de ruta que, di, estalle dando á Estrada unha das mellores etapas da súa historia.
Como resume estes catorce meses como alcalde da Estrada?
Foi un ano moi intenso, de continuidade dunha ruta amplamente avalada polos estradenses e no que atendemos novas necesidades que foron xurdindo. Escoitamos moitísimo a xente, fixemos un grande equipo e estou moi contento. Na rúa percibo un cariño moi grande dunha cidadanía que continúa confiando no Concello e seguimos facendo da Estrada unha vila chea de oportunidades.
Como lle cambiou a vida a nivel persoal?
Hai que ser alcalde os 365 días do ano e as 24 horas e ter esa vocación de atender a todo o mundo e entender que para esa persoa o seu problema é o máis importante. A vida privada deixa de existir e a prioridade é defender os intereses dos case 20.200 veciños que conformamos o Concello da Estrada.
E que cambiou na Estrada?
Continuamos unha senda de crecemento de 14 anos, a etapa da máxima transformación da Estrada, porque comezou cun Plan Xeral que se está desenvolvendo e foi a alma das nosas políticas. E temos un Goberno local amplamente respaldado polas administracións tanto provincial como autonómica. Debemos de ser o concello de Galicia con máis investimento dirixido no orzamento da Xunta para un municipio do noso tamaño.
A que atribúe ese apoio, á marxe de compartir siglas políticas?
As administracións decatáronse de que A Estrada é un concello estratéxico na Galicia interior, que necesita unha discriminación positiva. E entendeuse que era necesario apostar, por exemplo, polas comunicacións, como o demostra a autovía que vai chegar á Estrada, pola vivenda ou polos polígonos industriais... Creo que o presidente Alfonso Rueda entendeu que os concellos teñen futuro sempre e cando haxa emprego neles.
É un plus para A Estrada ter a Rueda de presidente e ao exalcalde López Campos de conselleiro?
É un plus para Galicia ter un presidente que coñece moi ben o territorio e sabe cales son as súas fortalezas e os seus problemas. E é un plus ter un Consello da Xunta cun exalcalde que é un namorado da Estrada e que deixou un equipo marabilloso que eu herdei.
Que vai supor a autovía entre Santiago e A Estrada?
Vai ser unha arteria que nos dea vida. Unha vía de alta capacidade gratuíta, que vai chegar ao corazón do polígono de Toedo e ao pé do centro urbano. Moitas empresas desbotaron no pasado instalarse na Estrada por non ter unha conexión de alta capacidade que si tiñan outros concellos. Estaremos a 10 minutos da capital de Galicia, do aeroporto e da estación de tren. Faltábanos ese gran salto que vai ser esa vía de comunicación.
Outro reto é a ampliación do polígono industrial. Como vai?
Cando teñamos a autovía temos que ter un solo competitivo, promovido por Xestur, para que as empresas interesadas teñan un lugar para implantarse. Estamos traballando no plan que desenvolverá ese solo, nas expropiacións e no plan de urbanización. Agardamos que estea concluido nun período de dous anos, como nos dixo a conselleira, para que as empresas poidan instalarse coincidindo co remate das obras da AG-59.
A Estrada é un dos concellos elixidos pola Xunta para promover vivendas públicas no marco do plan iniciado nesta lexislatura, pero iso non vai ser abondo para darlle resposta ao problema de falta de vivenda que sofre o seu concello. Que se está a facer?
Esas vivendas non son abondas, porque, por sorte, na Estrada temos moitísima demanda de vivenda xa agora e, coa prevision de crecemento que temos, irá a máis. Sabemos que hai 3.000 vivendas baleiras sen alugar. Por iso, este ano aprobaremos en pleno a bonificación do 50% dos impostos no caso das que levan máis de dous anos paradas. Tamén crearemos un rexistro de demandantes de vivenda. E despois está a parte pública, con esas parcelas que puidemos entregarlle ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para construir vivenda pública nesta primeira fase. Seguiremos desenvolvendo solos para poder ceder máis parcelas. E esperamos que tamén a iniciativa privada se anime.
Todo isto sen descoidar o rural. A Estrada é o concello con máis parroquias de España: 51. Pode o Concello chegar a todas?
Nós investimos este ano ao redor de dous millóns de euros en asfaltados no rural, xa sen ter en conta os milleiros de euros que se destinan a rozas ou ao mantemento das infraestruturas que temos. É un labor complicado, pero sempre dixen que eu quería defender o rural porque vivo no rural, en San Xorxe de Cereixo, e entendo perfectamente as súas necesidades. Nos 10 millóns de euros de fondos europeos que pedimos para este período quixemos que o 60% fora destinado á humanización dos núcleos do rural: sendas peonís, recollida de pluviais, etc. Tralo investimento que se fixo no centro urbano, tócalle ao rural.
Se non se entende sempre pode facer un referendo como sucedeu, ao pouco de chegar á Alcaldía, coa farola da Praza de Galicia...
Para os estradenses esa farola é un símbolo e quixen que foran os veciños os que decidiran sobre a farola en si, porque conservamos a orixinal, e sobre a súa situación. Daquela, eu xa dicía: «se alguén non coñecía o novo alcalde da Estrada, agora xa o coñece» (risas).
Suscríbete para seguir leyendo
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- Pesar por la muerte de Ramón Martínez-Rumbo, exdirector de Neurocirugía del CHUS y pionero en cirugía del Párkinson
- Crónica Social Compostelana | Concierto solidario para restaurar la Igrexa da Nosa Señora da Mercé de Conxo
- Investigan ayudas a clubes de Noia en el mandato de Santiago Freire
- La fábrica de IA de Santiago es la tercera mejor valorada de las 19 concedidas en Europa
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Tres alcaldes del área de Santiago, entre los diez mejor pagados de Galicia
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia

