Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EXPOSICIÓN

A familia Riobóo regresa ás Torres do Allo

O pazo máis antigo de Galicia, en Zas, amosa os seus 500 anos de historia

Familia Riobóo nas Torres do Allo en 1902

Familia Riobóo nas Torres do Allo en 1902 / Cedida

Zas

Unha apaixonante viaxe por 500 anos de historia. Iso é o que propón a exposición Os Riobóo, a saga do Allo, que pode verse nas Torres do Allo (Zas) e que permite mergullarse na vida, poder e legado da familia que deu forma ao pazo máis antigo de Galicia.

Primeira foto do pazo das Torres do Allo, de finais do século XIX

Primeira foto do pazo das Torres do Allo, de finais do século XIX / Cedida

A través dos paneis informativos e dun valioso conxunto de fotografías familiares inéditas, o visitante pode descubrir os segredos, as alianzas matrimoniais e o devir dunha das estirpes máis senlleiras da fidalguía galega. O percorrido narra desde as orixes da familia no século XV e a construción da Torre Vella, ata a consolidación do seu poder coa fundación do morgado e o señorío xurisdicional.

Tamén se afonda no seu esplendor cultural durante a Ilustración, a súa lenta decadencia no século XIX coa fin do Antigo Réxime e, finalmente, a súa historia recente, que culmina coa venda do inmoble á Deputación da Coruña en 1998 e a súa posterior rehabilitación.

Foto familiar de comezos do Século XX

Foto familiar de comezos do século XX / Cedida

O acto inaugural estivo presidido polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, e contou coa destacada presenza de varias xeracións da familia López-Riobóo, descendentes directos da liñaxe que habitou o pazo durante cinco séculos.

Rafael López-Riobóo Moreno, doante de gran parte do material fotográfico xunto co seu pai, Rafael López-Riobóo Latorre, guiou aos asistentes nun percorrido pola saga familiar. A través dos seus relatos, os presentes puideron poñer rostro e contexto á historia que narran os paneis da exposición.

O alcalde, Manuel Muíño, á esquerda, cos membros da familia Riobóo

O alcalde, Manuel Muíño, á esquerda, cos membros da familia López-Riobóo / Cedida

Amosou a súa emoción ao "percorrer estes muros explicando a historia da nosa familia. Foi unha experiencia inesquecible. Cada recuncho do pazo garda unha lembranza, e esta mostra permítenos compartilas por primeira vez, facendo que a historia dos nosos devanceiros volva latexar nestas paredes".

Ademais dos doantes, ao acto asistiron Asunción Moreno Alcalde, esposa de Rafael López-Riobóo Latorre; o seu outro fillo, Alejandro López-Riobóo Moreno; e Inés López-Riobóo Casado, que representa á xeración máis nova da liñaxe, simbolizando así a continuidade da saga.

O alcalde, á dereita, e membros da familia Riobóo no acto inaugural da exposición

O alcalde, á dereita, e membros da familia Riobóo no acto inaugural da exposición / Cedida

O alcalde, Manuel Muíño, salientou que foi "un día importante para Zas e para as Torres do Allo. Ter aquí a varias xeracións da familia Riobóo, compartindo a súa historia connosco, dálle unha valor especial a esta exposición. O seu relato en primeira persoa e a súa xenerosidade ao ceder estas imaxes permítennos ofrecer ao público unha visión única e moito máis humana do noso pazo máis antigo”.

A exposición, organizada polo Concello de Zas e a Deputación da Coruña, poderá visitarse durante os vindeiros meses.

Tracking Pixel Contents