Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Luz verde á humanización do núcleo de Merelle, en Trazo, con 330.000 €

A Xunta cofinanciará a actuación ao 70%, e vanse reurbanizar os viais interiores da aldea, renovar as redes de servizos e acondicionar o lavadoiro

A alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, amosou a súa satisfacción pola aprobación do proxecto.

A alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, amosou a súa satisfacción pola aprobación do proxecto. / Antonio Hernández

Trazo

O Consello da Xunta aprobará este luns o acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Trazo para executar as obras de humanización do núcleo de Merelle, que suporán un investimento total de 329.505 euros.

Esta intervención enmárcase no coñecido Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, centrándose neste caso neste pequeno núcleo da parroquia de Xavestre, para pór en valor as construcións existentes e a súa entorna, de gran valor paisaxístico.

A través do convenio autorizado polo Executivo autonómico, proponse levar a cabo a reurbanización dos viais interiores da citada aldea do municipio de Touro.

O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 230.653 € euros, contratará e executará as obras.

O Concello de Trazo achegará o 30% restante do custo estimado das actuacións (98.851 euros), redactará o proxecto das obras, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución e comprometerase á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

Con este acordo, o Executivo autonómico mantén o impulso na continuada colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración, como o Plan Hurbe, contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais como motores de dinamización.

Instalaranse novos colectores de augas pluviais e residuais

No proxecto deseñado para a humanización do núcleo de Merelle inclúese tamén a instalación de novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras e xardineiras), así como a posta en valor do lavadoiro existente nesa localidade, ao que se lle aplicará un lavado dos seus muros, substituíndo ademais as varandas actuais por unhas novas de aceiro galvanizado e adaptadas á súa contorna.

Asimesmo, prevense as obras necesarias para a instalación dun novo colector de pluviais que solucione os problemas de evacuación de augas da aldea e un novo colector de augas residuais. Tamén se inclúe o soterramento dos servizos de electricidade, alumeado e telecomunicacións.

Tracking Pixel Contents