Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Ruada de Val do Dubra medra como referente cultural e rende homenaxe a Chiño, alma da tradición local

A segunda edición da cita festiva celebrou a figura de José Manuel Iglesias, mestre, bailador e gardián da memoria musical do concello, cun programa cheo de emoción, baile e transmisión xeracional

Santiago

A área recreativa de Bembibre converteuse na tarde-noite deste venres nun escenario de emoción, lembranza e festa coa celebración da segunda edición da Ruada Val do Dubra, un encontro coa tradición que busca consolidarse como unha das citas culturais imprescindibles do verán na comarca.

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño / Cedidas

Nesta ocasión, o evento estivo centrado na figura de José Manuel Iglesias, Chiño, mestre, bailador e defensor incansable do patrimonio oral e musical dubrés. Xunto a Carlos Rey, Chiño foi clave na recuperación de documentos sonoros históricos como Derradeira pola vila I ou Ritmos bailables, materiais que serviron de base para a publicación Tocadoras do Val do Dubra. Esta obra, presentada recentemente, recolle non só cancións tradicionais, senón tamén relatos de vida e historias das mulleres que mantiveron viva a música popular na zona.

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño

A concelleira de Cultura Celsa Oreiro entrega o recoñecemento a Chiño, mestre, bailador e defensor incansable do patrimonio oral e musical do concello. / Cedida

A xornada arrancou ás 20.00 horas cun acto de homenaxe conducido pola cantareira Felisa Segade. A concelleira de Cultura, Celsa Oreiro, destacou o espírito do evento como “unha defensa dunha cultura, dun idioma e dunha tradición”, puxo en valor a figura de Chiño e reivindicou o papel das persoas que traballan por transmitir as raíces culturais do municipio.

O fotógrafo Eutropio Rodríguez, Chicho, foi o encargado da laudatio, nun emotivo repaso pola traxectoria vital e artística de Chiño, ilustrada con lembranzas e imaxes que gardan o paso do tempo. O ton festivo chegou da man das regueifas de Lupe Blanco e Suso de Xornes, que incluíron composicións propias con referencias ás parroquias de Rial e San Román.

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño / Cedidas

A Asociación Xuvenil Regueifa, promovida por Chiño en 1994, foi quen tomou o relevo escénico, recuperando pezas emblemáticas como a "Muiñeira e xota de Mórdomo" ou a xa clásica "Muiñeira de Bembibre". Como sorpresa, subiu ao escenario Brincadeira, o grupo co que Chiño comezou como bailador con só 19 anos e que dirixiu durante 25 anos. Os seus antigos compañeiros interpretaron a Ruada de Bembibre, unha das composicións máis representativas do repertorio local.

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño

Actuación de Catuxa Salom no Ruada do Val do Dubra / Cedidas

O acto culminou cunha interpretación conxunta de "A Fonsagrada" por parte de Regueifa e Brincadeira, un momento de gran carga emotiva compartido por veciñanza, familiares, músicos e bailadores. Como peche simbólico, a concelleira de Cultura fixo entrega dunha monteira tradicional confeccionada artesanalmente para a ocasión, antes dunha derradeira regueifa e o inicio da noite musical con Os Tres Pesos, Catuxa Salom e A Banda da Balbina, seguida dunha foliada aberta á participación popular.

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño

As imaxes da Ruada de Val do Dubra: emoción, baile e homenaxe a Chiño / Cedidas

A Ruada Val do Dubra confirma así a súa intención de se consolidar como espazo de encontro interxeracional arredor da música e o baile tradicional galego, recoñecendo a quen, coma Chiño, dedicaron a vida a manter vivo o legado cultural da terra.

Tracking Pixel Contents