TEATRO
O FIOT apela á raíz para poñer en valor a orixe e a tradición dende Carballo
A 34 edición trae a María Galiana, José Prieto e Paula Carballeira

Alberto Sueiro, esquerda, Evencio Ferrero e Maruxa Suárez na presentación do FIOT / Vanessa Rabade
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) regresará ás salas, ás rúas e a espazos singulares da capital de Bergantiños para celebrar a súa 34ª edición do 25 de setembro ao 1 de novembro, da man de recoñecidas figuras das artes escénicas como María Galiana, Paula Carballeira e José L. Prieto, entre moitas outras.

Cartel promocional do FIOT 2025 de Carballo / Cedida
O «corazón do teatro en Galicia» presentou está mañá no Bosque do Añón de Carballo o cartel desta nova edición, que conta coa raíz como o leitmotiv para poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. O festival desvelou tamén os primeiros nomes da súa programación, cos espectáculos coproducidos polo FIOT Territorio regueifa, de Ainé Producións, e Berenguela na gaiola, da compañía carballesa Galeatro e Xarope Tulú, con dirección da Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira; e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, peza firmada e dirixida por Elisabeth Larena e protagonizada por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.
O acto contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director do FIOT, Alberto Sueiro; e a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez.
Alberto Sueiro sinalou que «na propia raíz está o xerme para a renovación, para a creatividade, a evolución e a diversidade, que establecen unha tensión permanente co legado e coa tradición. A variedade das propostas que presentamos conducirannos por viaxes emocionais ou narrativas diversas, colectivas ou individuais, que poden axudarnos nesta reflexión de que a nosa historia contemporánea non comeza con nós, senón na nosa raíz».
A concelleira Maruxa Suárez destacou o FIOT como «un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo», e amosou o «firme compromiso municipal» cun «referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico».

Protagonistas de 'Yo solo quiero irme a Francia' / www.marceloaquilio.com
A principios de setembro presentarase o programa completo da 34ª edición, con todas as liñas habituais que conforman cada ano o festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades paralelas como exposicións, as gravacións de OndaFIOT, a celebración de xornadas profesionais, etc.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Los ríos de Santiago multiplican su caudal por diez en cuatro horas: 'Subiu alomenos cinco metros
- Prime Video desembarca en Santiago para grabar nuevos capítulos de una de sus series de referencia
- Santiago pone fecha a la llegada de la Navidad : del encendido de las luces a los mercados, todo lo que debes saber
- Desalojado el narcopiso de Fontiñas: «Estamos contentos»
- El ADN innovador de Finsa: 'Es uno de los principales usuarios del supercomputador del Cesga
- «Esta fiesta por los 90 años de Capitol es una muestra de orgullo picheleiro»
- Los efectos de Claudia en Santiago: un herido en la AP-9 y varios puntos inundados
