Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lalín organiza unha andaina astronómica en Bermés, en homenaxe ao primeiro científico de Galicia

Nesta actividade fixada para o 25 de xullo, os participantes poderán visitar a casa natal e o busto de José Rodríguez

Busto de José Rodríguez González en Bermés (Lalín).

Busto de José Rodríguez González en Bermés (Lalín).

Redacción

Lalín

Lalín Destino Starlight organiza para a última hora da tarde do vindeiro 25 de xullo unha andaina astronómica pola parroquia de Bermés, na procura de lugares emblemáticos asociados á nenez e xuventude do matemático José Rodríguez, primeiro científico de Galicia e Fillo Predilecto de Lalín. A actividade será gratuita e contará con 50 prazas en total.

O director científico de Galicia Starlight, Jose Ángel Docobo, explicou que “o desprazamento de Lalín a Bermés terá lugar en autocar con saída do monumento a Loriga ás 21h", e que precísase "rigorosa puntualidade” por parte dos asistentes. Nesta andaina pasearase pola fonte de Castiñeiroa, onde, segundo a tradición, Rodríguez dixera que alí se encontra o centro de Galicia. Tamén se fará unha visita á súa casa natal e ao campo da feira da parroquia, onde está o busto do científico. E, para rematar, Dacobo explicou que a actividade concluirá nun campiño "para ver o ceo de verán de primeiras horas da noite”.

O director sinalou que a duración estimada da andaina, a cal estará guiada por Carmen Villanueva, Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas, David Area e el mesmo, será de dúas horas. Ademais, para participar nela será necesario inscribirse previamente no museo municipal.

Próximas actividades

O programa Lalín Destino Starlight continuará apostando pola cultura durante o mes de agosto. O día 12 organizarase no Alto de Rodelas a Noite das Perseidas. Seguidamente, o día 20, terá lugar no museo a charla “Canto tempo lle queda ao Sol?”, ofrecida por Eva Seijas, e a continuación unha observación telescópica desde o observatorio conducida por Luca Piccotti.

Tracking Pixel Contents