Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Formoso saca peito por «unha década de transformación e progreso na Deputación da Coruña»

A través do POS financiáronse 4.500 obras, xerando e apuntalando 18.000 empregos, e co PEL apoiáronse 2.700 empresas, 4.000 autónomos e 260 proxectos de emprendedores

Xosé Regueira, esquerda, e Valentín González Formoso, este venres facendo balance da súa xesión na Deputación da Coruña.

Xosé Regueira, esquerda, e Valentín González Formoso, este venres facendo balance da súa xesión na Deputación da Coruña. / Cedida

Redacción

Santiago

Coincidindo co ecuador do mandato 2023–2027, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo este venres balance dos dez anos de goberno de PSOE e BNG á fronte da institución provincial, que cualificou como «unha década de transformación e progreso». Nunha comparecencia conxunta co vicepresidente, Xosé Regueira (BNG), na que repasaron algúns dos principais fitos do Goberno provincial durante a última década, Formoso (PSOE) reivindicou «o profundo cambio político da Deputación, cun modelo de referencia, exportable a Galicia».

«É significativo que o Consello de Contas evidencie que o investimento da Deputación nos concellos da provincia é superior ao do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Investimos máis nos concellos da provincia da Coruña que a Xunta nos das catro provincias galegas», afirmou Formoso.

Entre os principais logros, destacou a posta en marcha do Plan Único, «que non só puxo fin aos repartos arbitrarios de fondos en función da cor política dos concellos, senón que consolidou un modelo xusto e transparente de financiamento municipal no que os concellos son os que deciden».

Valentín González lembrou que o POS+ multiplicou por catro o orzamento anual do Plan de Obras e Servizos (pasando de 25 a máis de 100 millóns anuais), o que permitiu aprobar máis de 4.500 obras nos concellos coruñeses, cun investimento récord que, xunto ao das estradas provinciais, suma máis de 1.000 millóns de euros e supuxo a creación e mantemento de 18.000 empregos.

Tamén puxo o foco no apoio ao emprego e o emprendemento, outro dos eixos da transformación da Deputación. «Pasamos dunha administración que só contrataba cuadrillas de obras tres meses ao ano, a un verdadeiro motor de emprego na provincia», explicou.

A través do Plan de Emprego Local (PEL) investíronse máis de 120 millóns de euros, creáronse 7.700 empregos, apoiáronse 2.700 empresas e 4.000 autónomos e impulsáronse 260 proxectos emprendedores nos 11 espazos coworking creados nestes 10 anos.

Novo modelo de residencias

No ámbito social, Formoso destacou tamén que o seu Goberno xa ten moi avanzado o deseño do novo modelo de residencias públicas de maiores da Deputación, que comezará con tres novas residencias de ámbito comarcal nos concellos de As Pontes, Rianxo e Ordes, en base a un novo modelo innovador e pioneiro en Galicia.

«Nesta década de goberno progresista, a Deputación pasou de dedicar só 17.000 € ao ano por concello para Axuda no Fogar (o equivalente ao salario anual dunha coidadora), a financiar cada ano 400.000 horas, contratar 180 profesionais sociais nos concellos e apoiar o traballo de case 300 entidades sociais da provincia, cun orzamento que supera os 33 millóns de euros ao ano», dixo.

«As emerxencias non deben ser un negocio»

Entre os fitos logrados esta década, Formoso sinalou tamén a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público, nun longo proceso que comezou co impulso da Deputación da Coruña, e a volta tamén ao sector público do servizo de bombeiros, que antes estaba xestionado por empresas privadas, «porque cremos que as emerxencias non deben ser un negocio, senón un servizo público».

Neste sentido, destacou o incremento de efectivos e a mellora das condicións laborais dos bombeiros, grazas a un orzamento un 53% maior este ano, que alcanza os 5,73 millóns de euros.

Xosé Regueira: «Fomos revolucionarios na maneira de entendernos cos concellos»

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, puxo en valor un modelo de goberno «de estabilidade, con dúas sensibilidades diferentes pero capaces de alcanzar unha convivencia política que, nun momento como o actual, é especialmente relevante». «Este modelo alternativo é de confianza para a cidadanía, con políticas transformadoras que supoñen grandes avances para a provincia, especialmente para os concellos máis pequenos e para o medio rural», engadiu.

«Se desaparecese o noso labor de impulso cultural, económico ou deportivo, moitos dos proxectos dos diversos ámbitos desaparecerían con el», sinalou.

Regueira tamén fixo referencia ao Plan Único. «Fomos revolucionarios na maneira de entendernos cos concellos, creando unha ferramenta de financiamento local que reparte os fondos con criterios obxectivos», asegurou. Ademais, sinalou que «sen o financiamento da Deputación de servizos, recursos e incluso persoal dos concellos, moitos deles non subsistirían».

Asimesmo, dixo que «fomos capaces de cambiar algo que outras administracións non foron, como os pregos de contratación, para que as empresas da provincia non viran precarizados os seus ingresos. Esa relación co tecido empresarial é un gran fito».

Para rematar, afirmou que «estamos orgullosos da estabilidade deste Goberno, e de revolucionar a maneira de entendernos coa sociedade e co tecido empresarial, dun xeito máis transparente e que responde a criterios obxectivos e actuais».

Tracking Pixel Contents