Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pementos de Herbón ou de Padrón?

Rubén Boga afonda na súa tese de doutoramento na longa historia que levou o produto estrela do Sar a obter unha Denominación de Orixe Protexida

Produtoras de pementos de Herbón recollendo o produto nunha plantación.

Produtoras de pementos de Herbón recollendo o produto nunha plantación. / Rubén Boga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Redacción

Padrón

Nos últimos lustros, o cultivo do pemento de Padrón espallouse ata lugares tan afastados como Queensland (Australia) ou California (EE.UU). O nome deste concello galego fíxose global, pero o vínculo do seu produto estrela coa súa orixe semella terse esvaecido. Este é o punto de partida da investigación titulada Padrón peppers or peppers from Herbón?, publicada na revista Sociologia Ruralis por Rubén Boga, Valerià Paül e Fiona Haslam-Mckenzie.

A pesquisa forma parte do compendio de artigos que compoñen a tese de doutoramento de Rubén Boga, quen vén de defendela con éxito o pasado 23 de xuño. O traballo baseouse en testemuñas recollidas en 19 entrevistas con persoas vinculadas ao pemento na parroquia de Herbón, de onde Rubén é veciño, e en máis de 70 notas de prensa recompiladas desde os anos oitenta.

Rubén Boga, autor da tese de doutoramento.

Rubén Boga, autor da tese de doutoramento. / Cedida

«A nivel estatal, moita xente descoñece que Padrón é un lugar, e considera o pemento como unha simple variedade, sen máis vínculo que a Galicia, no mellor dos casos. En Galicia, pola súa banda, hai xente á que aínda lle chama a atención que exista unha Denominación de Orixe co nome Pemento de Herbón, a parroquia na que se orixinou o cultivo para referirse ao que amplamente se coñece como Pemento de Padrón. A explicación non resulta de todo sinxela», sinala Rubén Boga.

«Segundo as persoas da aldea máis anciás, os pementos orixinalmente vendíanse como de Padrón nas prazas de cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo porque Herbón era unha aldea pequena que non coñecía ninguén, mentres que Padrón xa era unha vila coñecida», explica.

O éxito comercial que experimentou este produto a partir da década dos 70 levou a que, xa entón, outras zonas produtoras, como O Salnés, Almería ou Marrocos, se fixesen coa semente de Herbón e comezasen a cultivalo.

Na súa investigación, Boga constatou que mesmo se imitaban os deseños das bolsas dos produtores de Herbón. Os consumidores non tiñan maneira de distinguir os pementos auténticos fronte ás imitacións.

A idea foi de don Julio

«Foi entón cando os produtores de Herbón comezaron a reclamar unha Denominación de Orixe para o seu pemento, como a fórmula que os permitiría protexer o seu produto. A idea, segundo me contaron, xurdiu a proposta do entón xefe do Servizo de Extensión Agraria, don Julio», sinala.

«O máis sorprendente é que se rexistrase o nome Padrón como variedade comercial despois de que os produtores de Herbón tiveran iniciado os trámites legais para acollerse a unha Denominación de Orixe con ese nome», comenta o autor da investigación.

O estudo salienta o feito de que o pemento de Padrón fose inscrito en 1985 como unha variedade comercial no rexistro de variedades comerciais de plantas, a nivel español e europeo, sen que os labregos de Herbón tivesen constancia algunha e unha vez amosado o seu interese por protexelo como Denominación de Orixe.

«Unha vez rexistrado como variedade comercial sen que constase ningunha alegación, Padrón pasou a considerarse xenérico e esa é a razón que esgrimiu o Ministerio de Agricultura para rexeitar o rexistro da Denominación de Orixe Pemento de Padrón», di.

Un produto xenérico, como o queixo de Gouda

Segundo argumenta Rubén Boga no seu estudo, o feito de que o Pemento de Padrón pasara a considerarse xenérico «é un caso moi infrecuente». «Existen só un ou dous casos máis ou menos semellantes no mundo, como o do queixo Gouda, que tamén se consideraba xenérico e tivo que rexistrarse baixo a fórmula Gouda Holland para se poder considerar Denominación de Orixe».

«A finais dos anos noventa púxose sobre a mesa a posibilidade de rexistrar a marca Pemento Padrón de Galicia, coa que Padrón pasaría a empregarse como un xenérico e a referencia territorial se correspondería a Galicia», explica Rubén Boga.

Porén, a investigación recolle que esa alternativa encontrou a oposición dos produtores de Herbón, xa que o proxecto propoñía estender a Denominación de Orixe a outras zonas produtoras de pemento, como O Salnés ou O Rosal. «Finalmente, aprobouse en 2009 unha denominación limitada aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Valga, co nome de Pemento de Herbón», sinala o autor.

Tracking Pixel Contents