Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames renova a súa colaboración co programa Galicia Abriga para mulleres defensoras de dereitos humanos

O Concello participa por segundo ano consecutivo e acollerá unha xornada aberta á veciñanza con Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis

Programa Galicia Abriga

Programa Galicia Abriga / Cedida

El Correo Gallego

Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora por segundo ano consecutivo coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia no programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos, Galicia Abriga. Ames é, de feito, a única administración local que participa neste programa.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destacou: «Ames é un concello solidario tal e como se constata en numerosas iniciativas e programas que se poñen en marcha desde a Administración local. Neste caso asinouse un convenio coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa Galicia Abriga. Dita colaboración plásmase na concesión dunha axuda de 2.000 euros para propiciar unha estadía temporal segura e enriquecedora en Galicia, para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega».

Esta segunda edición do programa conta co apoio de Agareso, Ecos do Sur, a Xunta de Galicia, o programa europeo Protect Defenders, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e os concellos de Ames e Oleiros, ademais do respaldo de universidades galegas e outras entidades.

Actualmente, participan no programa Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, quen xa foron recibidas nun encontro celebrado o pasado venres, 3 de outubro, en Santiago de Compostela. Durante esta xuntanza compartiron coas persoas presentes as súas experiencias na defensa da xustiza e dunha vida libre de violencias nos seus países de orixe, El Salvador e Guatemala.

O concello amesán organizará proximamente unha xornada aberta á veciñanza, na que as participantes poderán interactuar coa cidadanía. «A data anunciarase a través da páxina web municipal e das redes sociais», indicou García.

O programa Galicia Abriga ofrece un espazo temporal seguro para mulleres defensoras de dereitos humanos, permitindo que durante tres meses poidan descansar, recuperarse e fortalecer o seu activismo. «Non é un programa de asilo nin refuxio inmediato, senón unha acollida temporal que lles permite regresar ao seu país máis preparadas e seguras», explicou a concelleira.

Tracking Pixel Contents