Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Baña gozará de catro monólogos de comedia entre outubro e novembro co ciclo 'Venres de humor'

A programación aposta polo talento galego e por unha mirada diversa sobre o humor profundizando nas historias das mulleres

Cris de Caldas protagonizará o primeiro monólogo o 10 de outubro.

Cris de Caldas protagonizará o primeiro monólogo o 10 de outubro. / Cedida

A Baña

O Concello da Baña propón un outono cheo de gargalladas e reflexión coa chegada do ciclo de monólogos Venres de humor, que se celebrará no Auditorio da Casa de Cultura ás 20.00 horas. Durante catro venres, entre outubro e novembro, o público poderá gozar de propostas escénicas que combinan a comedia coa crítica social, a narración e o teatro máis persoal.

O programa comezará o 10 de outubro coa actuación de Cris de Caldas, que presentará Mulleres de conto ás 20.30 horas. Nesta proposta, a artista recupera voces femininas esquecidas a través de historias de vida e contos da tradición oral e literaria. Mulleres que non viviron contos de fadas pero que, sen dúbida, merecen ser lembradas como heroínas anónimas que loitaron por abrir camiños en tempos difíciles.

O segundo encontro será o 24 de outubro, con Avelino González e o monólogo Eran elas. O actor propón unha divertida revisión dos contos populares, lembrando como eran antes de seren adaptados pola moral moderna. Nesas versións orixinais, as mozas combatían dragóns, as vellas salvaban os novos e as princesas non precisaban de príncipes azuis. Un humor intelixente e cheo de retranca que recupera a frescura e a irreverencia das historias tradicionais.

Xa no mes de novembro, o día 7, será a quenda de Inventi Teatro con Chegar e encher, un monólogo creado e interpretado por Bea Campos. A través da improvisación, o cabaré e a narración oral, a actriz ofrece unha reflexión divertida e ácida sobre o fracaso, o control da propia vida e as dificultades para encaixar nos roles de xénero impostos pola sociedade.

O ciclo rematará o 21 de novembro coa enerxía de Isabel Risco, que subirá ao escenario con Bravas. Neste espectáculo, a actriz fai un percorrido pola historia das mulleres galegas, desde a época castrexa ata un futuro imaxinado, poñendo en valor a súa forza e rebeldía. Cun humor combativo e comprometido, Risco reivindica o papel das mulleres como motor de cambio e defende que tamén se pode facer revolución entre risas.

Todas as funcións serán ás 20.00 horas (agás a primeira, que será ás 20.30 h) e de entrada libre ata completar aforo.

Tracking Pixel Contents