PRESENTACIÓN
Corenta anos de Badius, unha "familia do teatro" de Baio
O seu director, Ricardo Vigueret, recolleu nun libro a historia da compañía

Ricardo Vigueret, quinto esquerda en primeira fila, cos actores e colaboradores de Badius. / C. Zas
Máis de cen persoas, entre actores, actrices, técnicos e colaboradores da zona, máis de corenta obras representadas, centos de quilómetros, unha xira a Suíza, colaboracións coa Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose e ducias de espectadores rindo sen parar son algúns dos datos que resumen a historia da compañía Badius, de Baio (Zas), e que foron recollidos por Ricardo Vigueret no libro Badius: Historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024) que se presentou o pasado sábado no Auditorio de Baio.
Foi o primeiro acto do programa Follas de Outono, un ciclo cultural ao redor da literatura organizado polo Concello de Zas e que se prolongará durante os meses de outubro e novembro. Este é o quinto libro editado polo Concello no marco dunha aposta do Goberno municipal pola posta en valor da historia, das xentes e do patrimonio local.
Manuel Muíño, alcalde de Zas, tivo palabras de agradecemento para o autor do libro e recordou o fervor cultural da época na que se consolidou Badius, a comezos dos anos 80, que coincidiu coas primeiras edicións da Festa da Carballeira de Zas. “Tantos anos despois seguen a ser dous referentes culturais de grande importancia para o noso Concello e polos que se sempre apostamos”, sinalou Muíño, quen tamén recordou os seus inicios sobre un escenario como actor de Badius.
Ricardo Vigueret, autor do libro e director de Badius durante toda a súa andadura, xunto con Alberto Villar, fixo unha viaxe no tempo para repasar os 40 anos da historia de Badius que se recollen neste volume no que as fotografías ocupan un lugar moi importante. “Foron 40 anos de risas, de bromas,… dentro e fóra do escenario. Unha viaxe chea de moi bos momentos”, sinalou.
"Badius é a familia do teatro a que sí escollemos. Esa familia que marcou unha etapa nas nosas vidas", recalcou. Ricardo Vigueret reivindicou o Día das Letras para Labarta Pose, a quen Badius ten moi presente na súa historia con varias obras adaptadas e representadas. “Estamos preparando unha nova obra de teatro de Labarta Pose que estrearemos o ano no que se lle adique o Día das Letras Galegas”, adiantou.
O autor do libro tamén quixo agradecer a todas as persoas que fixeron que Badius se mantivese vivo durante todos estes anos nos que pasaron por malos momentos, como a pandemia.
Acompañado dun caloroso aplauso, a intervención de Ricardo Vigueret rematou cun "que viva a risa e que viva Badius". A presentación pechouse cunha gran foto de familia con todos os actores e actrices presentes no acto.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: "Me han enterrado a un amigo dos veces"
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Tres restaurantes con alma compostelana, entre las mejores aperturas de España
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos