Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira aposta por un modelo de cidade sostible e inclusiva

O alcalde sinala que os 6,5 M€ de fondos europeos «son a maior consecución da historia»

Revitalizarán o barrio de Banda ao Río

Luís Pérez, no centro, con concelleiros do goberno local

Luís Pérez, no centro, con concelleiros do goberno local / Cedida

El Correo Gallego

Ribeira

O Concello de Ribeira vén de acadar «un fito histórico» coa concesión de 6.547.728 euros de fondos europeos no marco dos Plans de Actuación Integrais das Entidades Locais. «Trátase da maior captación de fondos europeos da historia do municipio, un logro que permitirá mobilizar un investimento total superior aos 10 millóns de euros para transformar urbanística, social e ambientalmente a vila», afirmou o alcalde, Luís Pérez.

O proxecto persegue revitalizar o barrio histórico de Banda ao Río e converter Cerqueira no epicentro social, cultural e de innovación, recuperando o patrimonio industrial conserveiro e creando novos espazos de convivencia, cultura e participación veciñal. Ademais contémplase a construción dun centro multiúsos, de menor cabida, destinado a promover a integración social, e o fortalecemento da convivencia veciñal podendo acoller unha gran variedade de actividades de todo tipo, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.

A actuación inclúe unha rexeneración integral da Praza de Pontevedra, que se converterá nun gran espazo verde, accesible e aberto ao mar, con zonas de xogo, pistas deportivas e áreas interxeracionais. Ademais, prevése crear un aparcadoiro disuasorio soterrado con capacidade para 250 vehículos, que favorecerá a mobilidade sostible e o acceso ao centro urbano. Ten un enfoque intermodal, xa que a súa localización permite conectar a cidade a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas.

O proxecto está alineado coa Axenda Urbana de Ribeira, aprobada por unanimidade, e ten como principios reitores a sostibilidade ambiental, a eficiencia enerxética e a cohesión social. Inclúe a plantación de máis de 200 árbores autóctonas, o uso de tecnoloxías verdes e a rehabilitación de edificios históricos.

«Unha excelente noticia»

O rexedor amosou a súa satisfacción pola resolución, subliñando que «é unha excelente noticia para Ribeira e para toda a veciñanza, porque estes fondos permitirán acometer investimentos que cambiarán a nosa cidade e mellorarán a calidade de vida da xente». Lembrou que «cando chegamos ao Goberno atopámonos cun Concello afogado nunha débeda de 13 millóns de euros, e agora pretenden botarnos por facer ben o noso traballo, precisamente no momento no que acabamos de conseguir 6,5 millóns de euros. Iso é responsabilidade e boa xestión».

Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, sinalou que este investimento, «vai contribuir á integración de todos os que vivamos nunha Ribeira na que os dereitos sexan dereitos e non favores».

Tracking Pixel Contents