Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames subirá o pano do seu Festival Internacional de Maxia do 23 ao 26

A vixésima edición ofrece espectáculos de estrea, actuacións dedicadas aos maiores, obradoiros para entreter os cativos e actuacións de magos e ilusionistas de primeiro nivel

María Vázquez, Dani Polo e Blas García presentaron a programación do evento.

María Vázquez, Dani Polo e Blas García presentaron a programación do evento. / Cedida

Iago Rodríguez

Ames

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá o acto de presentación do XX Festival Internacional de Maxia de Ames, FestiMax , que nesta ocasión terá lugar do 23 ao 26 de outubro nas casas da cultura da propia capital amesá e do Milladoiro.

En palabras do alcalde de Ames, Blas García, «este é un evento que busca que o público participe activamente e se interese polo mundo da maxia».

No encontro tamén interveu o director artístico do festival, Dani Polo, que adiantou que «chegará con varias novidades, pero mantendo a súa esencia de achegar a maxia a tódolos públicos».

Ao longo dos catro días que durará o evento ofreceranse cinco grandes espectáculos. A primeira das actividades será O Baúl da Maxia, unha proposta composta pola artista arxentina Lore Lavand, que contará cunha sesión na Praza de Chavián (Bertamiráns) o xoves 23, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro o venres 24. O acceso será de balde.

Na xornada inaugural chegará unha das grandes novidades: o espectáculo familiar Imposible? do galego Mago Rafa.

O venres 24 será un día dedicado aos maiores, con dúas sesións de maxia dirixidas especialmente para eles a cargo do mago Román García. Unha será no Local dos Maiores de Bertamiráns e a outra no Local de JUPEMI (Milladoiro).

A Gala máxica internacional

Ademais, o artista Román García impartirá obradoiros de maxia para os rapaces de entre 8 e 14 anos o sábado e o domingo. Tamén durante a fin de semana celebrarase a Gala máxica internacional, onde participarán o galego Marcos Waldemar, os magos Seimei (Corea do Sur), Peio Rivas(Vitoria) e o dúo Diego & Elena (Madrid).

Tracking Pixel Contents