Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Laxe é un dos concellos elixidos para o estudo de alternativas de saneamento

Inviste 97.000 € en melloras de redes locais e o abastecemento a Peñascales

O alcalde, á esquerda, co director de Augas de Galicia, no centro.

O alcalde, á esquerda, co director de Augas de Galicia, no centro. / Concello de Laxe

Cedida

O Concello de Laxe é un dos tres de toda Galicia seleccionados para o estudo de alternativas de saneamento dentro do Plan Xeral de Augas de Galicia. O alcalde, Francisco Charlín, avaliou co director de Augas de Galicia as actuacións que se están a desenvolver no municipio.

Entre os principais proxectos destacan a mellora das redes de saneamento e pluviais nas rúas Real e As Rías, cun investimento de 62.923,94 € (IVE incluído), dos cales 54.450,00 € son achegados por Augas de Galicia e o resto, 8.473,94 €, financiados directamente polo Concello de Laxe.

Tamén está en marcha a mellora da rede de abastecemento en Peñascales, cun investimento total de 29.954,47 € (IVE incluído), subvencionado integramente por Augas de Galicia.

Durante o encontro tamén abordaron o estado do proxecto da nova depuradora de Traba, unha infraestrutura clave para o futuro ambiental, sanitario e turístico de Laxe. O anteproxecto está xa revisado e en tramitación ambiental, tras incorporar as modificacións solicitadas por Augas de Galicia.

O rexedor asegura que «estas actuacións forman parte dun plan integral para modernizar as infraestruturas de Laxe e garantir servizos de calidade para todos os veciños. Seguimos traballando con responsabilidade e compromiso para situar ao noso Concello como un exemplo de xestión eficiente e sostible, un concello moderno e ambientalmente responsable, que aposta pola planificación e a cooperación institucional».

Tracking Pixel Contents