Unha paixón que nace en Baio: premio a Carmen V. Valiña
A investigadora e escritora galega adentrouse por primeira vez na ficción tras unha residencia literaria que a animou a dar o salto. O resultado é A illa que supuraba sangue, coa que gañou o XIX Premio Narrativa Breve Repsol e que, segundo confesou, foi «unha sorpresa enorme»

Carmen V. Valiña / Cedida
Mario Fajardo
Carmen V. Valiña, investigadora e escritora de Baio, vén de gañar a XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega coa obra A illa que supuraba sangue, título aínda provisional que publicará proximamente Editorial Galaxia. Especialista en historia contemporánea e memoria das mulleres, a súa estrea na ficción chega avalada polo xurado, que destacou a intriga do relato e o seu final sorprendente.
«Este é o primeiro libro de ficción que publico. Sempre escribín, pero sen esa disciplina profesional. Foron as residencias literarias en Mariñán e, sobre todo, en San Simón, as que me devolveron as ganas de escribir con continuidade», explica a autora.
Estas experiencias permitíronlle retomar a escrita dun xeito máis estruturado. Durante unha semana na Illa de San Simón, compartindo traballo con outros autores e autoras, Carmen vivenciou o espazo e a súa historia, que a marcou para situar alí a súa novela. «Foi un luxo poder escribir nun espazo máxico e ao mesmo tempo cargado de memoria. Foi alí onde xurdiu a inspiración para situar a novela na illa», comenta.
O título definitivo aínda non está pechado, pero manterá a palabra “Illa”. «Si, é verdade que o título aínda é provisional, pero queremos que se manteña a palabra Illa, porque é un espazo xeográfico e porque conecta as diferentes líñas familiares que ali se presentan», sinala Valiña.
A súa traxectoria como investigadora marca tamén a ficción, onde as mulleres ocupan un lugar central. «As personaxes que teñen máis forza son femininas, levo moitos anos traballando en temas de igualdade de xénero e recuperación da memoria das mulleres», resume.
A figura da súa avoa materna
A súa avoa materna foi un referente fundamental e inspirador. «Ela fíxome interesarme pola vida das mulleres que me precederon. Contábame como percorría os montes de rapariga, como se agochaba cando sentía medo, e tamén cousas sobre as fiadas, as festas e da comunidade feminina nos pobos e nas aldeas da época», lembra.
A súa obra anterior, As tolas que non o eran, trataba das mulleres internas no manicomio de Conxo entre finais do século XIX e 1936. Carmen pensa en continuar afondando nesta liña temporal: «Nas presentacións do libro sempre aparece alguén que fala dunha avoa ou bisavoa que estivo en Conxo. Gustaríame seguir avanzando temporalmente e conectar esas historias coas netas ou bisnetas que aínda buscan respostas».
O tema da saúde mental tamén se reflicte na súa nova novela: «A raíz da investigación para Conxo empecei a traballar máis esa cuestión da loucura, de como a loucura se vincula coa sociedade do seu tempo, e como a sociedade tamén nos pode volver tolas», explica.
«Nos sitios pequenos tamén se fan moitas cousas»
O premio recibíuse con entusiasmo en Baio. «A xente de Baio felicitoume, e o concello fixo pública a súa alegría. Para min é un orgullo ver que desde un lugar pequeno tamén se fan moitas cousas. A miña paixón pola lectura e a escrita naceu aquí, grazas a bos profesores e profesoras», afirma Valiña.
Preguntada polo futuro, Carmen mantense aberta a compaxinar ambas facetas. «O premio foi unha sorpresa enorme, pero tamén un impulso. Síntome motivada a seguir compaxinando a investigación coa ficción. Cando alguén le o que escribes e lle esperta emocións, iso motívate a continuar», asegura.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Una bañense con cáncer a los 43 años logra más de 42.000 firmas para que adelanten el cribado
- La Guardia Civil incauta más de 1.500 plantas de marihuana en dos naves de Oroso y O Pino: seis detenidos
- Una física compostelana que trabaja para Amazon trae a Santiago la 'segunda revolución cuántica
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre
- La borrasca Claudia pone en alerta a Galicia: vientos de más de 100 Km/h y fuertes lluvias que se intensifican esta noche