Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Malestar na Estrada pola negativa do Ministerio á conexión da EP-7016 coa N-640

O alcalde estradense, Gonzalo Louzao, critica que o proxecto, previamente consensuado, sexa agora rexeitado por cuestións técnicas e pide solucións inmediatas

Rotonda de As Colonias

Rotonda de As Colonias / Cedida

El Correo Gallego

A Estrada

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, mostrou a súa sorpresa tras coñecer a denegación do proxecto de conexión entre a EP-7016 e a N-640, á altura da rotonda das Colonias, por parte do Ministerio de Transportes, que aduce cuestións técnicas.

Segundo explicou Louzao, «o mesmo proxecto que antes foi consensuado co Ministerio recibe agora unha negativa por cuestións técnicas». O rexedor recordou que a iniciativa fora redactada e consensuada durante o goberno provincial de Carmela Silva e asegurou que a actual Deputación se comprometeu a financiar a totalidade da obra, deixando ao Concello as expropiacións necesarias para ampliar a vía.

O alcalde sinalou que «o que pido é que se poñan traballar. Que falen e que vexan cales son os problemas coa normativa actual que alega o Ministerio e que se solucionen». Louzao explicou que a actuación tiña que ser realidade este ano e que o Concello reservou nos orzamentos municipais 63.000 euros para cubrir as expropiacións.

A obra busca mellorar a seguridade vial nun tramo de pouco máis de 300 metros da EP-7016, actualmente con ancho reducido, sen beiravías e curvas pronunciadas. O proxecto contempla a construción dunha variante lineal con 7 metros de ancho, fronte aos 4,5 actuais, e beiravías de medio metro en ambas marxes, co obxectivo de facilitar a conexión coa N-640.

Louzao tamén subliñou a importancia do vial para a poboación de Guimarei, Vinseiro, Cereixo e Lagartóns, e destacou que «o que necesitan obras coma esta é vontade política». O Concello solicitará unha reunión técnica a tres bandas para buscar solucións á situación.

Tracking Pixel Contents