Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Melide e Arzúa urxen datos «oficiais» sobre as obras da A-54: «Isto cansa»

Os alcaldes alertan dun incremento no tráfico que xera problemas nas dúas vilas

José Manuel Pérez, rexidor melidense, indica que «o rumor é que as obras rematarán en abril»

Obras de ampliación da A-54, en Arzúa

Obras de ampliación da A-54, en Arzúa / Jesús Prieto

Mario Fajardo

Santiago

O cansazo é a sensación dominante nos concellos de Melide e Arzúa ante a falta de comunicación oficial e os atrasos que se producen continuamente na finalización da autovía A-54, que debe conectar Santiago e Lugo, e cuxo último tramo continúa pendente de rematar.

Os dous alcaldes coinciden en denunciar a escasa información directa sobre o estado das obras. O rexedor de Melide, José Manuel Pérez, asegura que o Concello non recibiu ningunha comunicación oficial sobre os prazos e lamenta que as previsións se reduzan a rumores. «Teño entendido que agora o remate será en abril, pero iso é un rumor. A min non tiveron a deferencia de dicirme nada», explica. Engade ademais que «cada vez hai máis tráfico e cada vez se atrasa máis o remate da autovía» e que «estaría ben que, polo menos, o Concello de Melide e o de Arzúa non nos enterásemos das novidades polos medios de comunicación».

O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, concorda co seu homólogo. «Non temos constancia ningunha dese retraso a abril. Desde o meu punto de vista, xa era previsible, e a verdade é que nunca me fiei moito dos datos que ían dando porque levamos xa moitos anos poñendo datas que non se foron cumprindo. A información que teño é do que vin nos medios de comunicación».

Ambos destacan o impacto que tivo a apertura parcial do tramo Palas–Melide no tráfico local, especialmente de vehículos pesados. Pérez Penas explica que «cando se abriu ese tramo, incrementouse o tráfico. Cada vez hai máis vehículos no centro do pobo».

Sobre a mesma cuestión, Carril Ramos comenta que «aféctanos a todos en maior ou menor medida, sobre todo no cruce no centro da vila. Moitas veces hai atascos cando hai moito tráfico de camións, e é un prexuízo para a veciñanza e para calquera persoa que circule pola nosa vila».

Pérez sinala tamén as dificultades para circular pola ronda de Pontevedra, unha das zonas máis transitadas: «Está o centro médico, o tanatorio, dous supermercados, o colexio público Pastor Barral, as canteiras e as plantas de formigón. Os veciños moitas veces teñen moitísimas dificultades para incorporarse á AC-840».

«Estaría ben que a puidésemos ver rematada os que temos unha certa edade»

José Manuel Pérez

— Alcalde de Melide

A situación, aínda que non supón grandes consecuencias económicas, si xera incomodidade e preocupación entre a veciñanza. O alcalde melidense asegura que «máis que malestar, estamos cansos. Cansos de que se poñan múltiples datas que non se cumpren. Entendemos que é unha obra complexa, pero a brevidade tamén é importante».

Carril engade que «a nivel particular ou económico, entendo que non ten demasiada repercusión, pero si que é unha incomodidade».

Tracking Pixel Contents