Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSdeG esixirá á Xunta un novo centro de saúde para Negreira no Parlamento galego

A proposta debaterase mañá na Comisión de Sanidade, a partir das 10.30 horas

Pretenden que o Sergas planifique e financie unhas novas instalacións ante o deterioro do actual edificio

Centro de Saúde de Negreira

Centro de Saúde de Negreira / ECG

El Correo Gallego

Negreira

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia defenderá mañá unha proposición non de lei na Comisión de Sanidade do Parlamento galego, para reclamarlle á Xunta a construción dun novo centro de saúde en Negreira. A iniciativa será presentada pola deputada Patricia Iglesias, a partir das 10.30 horas, e conta tamén co respaldo de Elena Espinosa e Julio Abalde.

Os socialistas argumentan que o actual centro de saúde de Negreira, que dá servizo a preto de 7.000 veciños e veciñas, leva anos «sobrecargado e cunhas instalacións deterioradas, con problemas de acceso en caso de urxencias». Ademais, explican que o servizo atende tamén a poboación doutros municipios limítrofes, «especialmente no verán, cando é preciso reforzar determinadas especialidades».

Segundo o PSdeG, os informes técnicos do Sergas constatan que o edificio actual presenta carencias estruturais importantes, polo que «non resulta eficiente abordar unha reforma, senón construír un novo centro noutro emprazamento». O grupo parlamentario destaca que o Concello de Negreira ofreceu os terreos e as licenzas necesarias, pero «a Xunta non concretou nin o convenio de colaboración nin unha previsión de investimento».

«A Consellería de Sanidade recoñeceu en varias ocasións a necesidade dun novo centro, pero os anos pasan e nada se move», advertiu Iglesias, quen insistiu en que «Negreira non pode quedar atrás mentres outros concellos da comarca avanzan nos seus proxectos sanitarios».

A proposición insta ao Goberno galego a incluir o novo centro de saúde de Negreira nos plans de infraestruturas sanitarias, así como a asinar o convenio de colaboración co Concello para definir prazos, condicións e financiamento da obra.

Tracking Pixel Contents