Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Asociación Boirense de Empresas doa "unha cifra récord" á Cruz Vermella co acadado na campaña 'Volta ao Cole'

A entidade recibiu 400 euros en bonos ABE

Tamén entregaron os premios do programa, nos que Enma Ouviña, gañadora do sorteo final, foi galardoada cun ordenador portátil HP

Pola esquerda, Julio García, Enma Ouviña e Daniel García.

Pola esquerda, Julio García, Enma Ouviña e Daniel García. / Cedida

Boiro

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou na tarde de onte a entrega oficial dos premios da campaña Volta ao Cole: Cada compra suma, que pechou cun balance extraordinario: 3.420 tíckets rexistrados en só 26 días, a segunda cifra máis alta dende que se implantou o programa de fidelización da entidade, quedando a só 44 rexistros do máximo histórico acadado no mes de agosto.

O acto contou coa participación do presidente da entidade, Daniel García, e de Julio García Varela, presidente da Asemblea Local da Cruz Vermella en Boiro, quen recibiu unha doazón solidaria de 400 euros en bonos ABE, "unha cifra récord", segundo a ABE, que permitirá apoiar ás familias con menos recursos a mercar material escolar nos establecementos asociados da vila.

A gañadora do sorteo final foi Enma Ouviña Castro, quen realizou a súa compra no establecemento da praza de abastos Congelados Digna. Por mercar no comercio local e rexistrar os seus tíckets na web da ABE, a premiada non só contribuíu á doazón solidaria á Cruz Vermella de Boiro, senón que ademais resultou vencedora do premio final da campaña: un ordenador portátil HP, que lle foi entregado durante o acto.

Daniel García declarou que dende a asociación están "moi satisfeitos cos resultados desta campaña. Conseguimos mobilizar á veciñanza, reforzar o comercio local e, ademais, xerar un impacto social real".

Tracking Pixel Contents