Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Amicos leva a inclusión e o coidado dos ríos a Pontecaldelas coa exposición Amiríos

A asociación de Boiro achega educación ambiental ao alumnado combinando sensibilización e acción directa

Alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullón acpmpañados polo alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz

Alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullón acpmpañados polo alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz / Cedida

El Correo Gallego

Boiro

A asociación Amicos, con sede en Boiro, protagonizou hoxe en Pontecaldelas unha xornada de educación ambiental coa chegada da exposición itinerante Amiríos, financiada por Augas de Galicia, que busca concienciar sobre a importancia de conservar os ríos galegos e a súa biodiversidade.

O alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullón participou en xogos e dinámicas guiadas polos axentes medioambientais de Amicos, persoas con discapacidade intelectual que exercen un papel activo como activistas ambientais. Durante a xornada aprenderon sobre o ciclo da auga, o funcionamento dos ecosistemas fluviais e boas prácticas para un consumo responsable.

Alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullón

Alumnado do CEIP Manuel Cordo Boullón / Cedida

O alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz, destacou que «é sempre positivo contar con actividades de concienciación sobre os nosos ríos, e máis cando implica a persoas con discapacidade», mentres que Patricia Montes, técnica de Conservación Fluvial de Augas de Galicia, sinalou que «é vital implicar aos máis pequenos na defensa dos ríos, ao tempo que coñecen servizos esenciais como o abastecemento e o saneamento».

Desde Amicos subliñaron que «encantados de que Amiríos chegue a unha das xoias medioambientais de Galicia, o río Verdugo. Grazas a Augas de Galicia e ao Concello podemos sensibilizar escolares sobre a importancia de preservar a natureza e o papel destacado das persoas con discapacidade intelectual».

A exposición, composta por tótems informativos, continuará percorrendo concellos da zona hidrográfica Galicia Costa, despois de pasar por lugares como Ribeira, Caldas de Reis e Boiro, e seguirá en Lousame, A Pobra do Caramiñal, Pontecaldelas, Meis e Pontevedra.

O proxecto Amiríos combina a sensibilización coa acción directa, con xornadas de voluntariado e intervencións en ríos para restaurar vexetación autóctona e eliminar especies invasoras. Estas actuacións son lideradas polas Ecobrigadas de Amicos, demostrando que inclusión e sostibilidade poden avanzar de xeito conxunto.

Tracking Pixel Contents