Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ribeira pecha o Programa Integrado de Emprego cun éxito de inserción laboral superior ao 35%

O proxecto, desenvolvido durante un ano, ofreceu orientación, formación e prácticas en empresas da comarca para mellorar a empregabilidade de cen persoas desempregadas

Acto de clausura do  Programa Integrado de Emprego

Acto de clausura do Programa Integrado de Emprego / Cedida

El Correo Gallego

Ribeira

O Auditorio de Ribeira acolleu hoxe o acto de clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Ribeira, unha iniciativa que volveu superar o 35% de inserción laboral entre as persoas participantes. O evento contou coa presenza do alcalde, Luís Pérez, a concelleira de Emprego, Veva Betanzos, e as técnicas responsables do programa, Estela Saa e Ana Serramito, ademais dos alumnos e alumnas que tomaron parte nesta edición.

O PIE ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante accións de orientación, formación e intermediación laboral. Neste caso, o programa estivo dirixido a cen persoas inscritas no Servizo Público de Emprego e procedentes dos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo e Porto do Son.

Ao longo dos doce meses de duración —entre novembro de 2024 e novembro de 2025— o programa desenvolveuse principalmente no Viveiro de Empresas de Ribeira. As participantes recibiron máis de 400 horas de formación en ámbitos como hostalaría e turismo, administración, comercio, sanidade e servizos socioculturais. Tamén se realizaron itinerarios individuais de orientación e accións de prospección empresarial para identificar oportunidades laborais na zona.

Un dos puntos fortes foi o apartado de prácticas, que contou coa colaboración de numerosas empresas locais como DomusVi, Hotel Norat Palmeira Playa, Eclipse Comunicación Dixital, Lolita Moda, Froiz ou a Residencia Agadea, entre outras. Grazas a esta cooperación, moitos dos participantes puideron aplicar os coñecementos adquiridos e mellorar as súas opcións de inserción laboral.

Durante o acto, Veva Betanzos agradeceu o esforzo de participantes, empresas e equipo técnico, destacando o labor de acompañamento e motivación desenvolvido ao longo do ano. Pola súa banda, o alcalde, Luís Pérez, puxo en valor o impacto positivo do programa: “Non é doado atopar un emprego, pero programas coma este demostran que con apoio, formación e ilusión é posible avanzar”, afirmou.

O acto rematou coa proxección dun vídeo-resumo e a entrega de diplomas ás persoas participantes, seguida dun pequeno aperitivo elaborado polo alumnado do CIFP de Coroso do grao básico de Cociña e Restauración.

Tracking Pixel Contents