Entrevista | Federico Pérez Rey Actor
“En 'La Tregua' hai o frío dun gulag e tamén un pouco de Muros e Noia”
O actor de Mazaricos interpreta a un mariñeiro republicano preso nun campo de traballo soviético no novo filme de Miguel Ángel Vivas. 'La Tregua' céntrase nun episodio pouco coñecido da fecunda historia bélica europea do século XX e chega este venres aos cines tras pasar polo Festival de Cine de San Sebastián

Federico Pérez Rey durante a rodaxe de 'La Tregua', película na que interpreta un mariñeiro de Muros que remata nun gulag na II GM / cedida

Coñecido pola súa vis cómica en series como Mareas Vivas, Era visto! ou Malo será, nos últimos anos Federico Pérez Rey está abonado aos papeis dramáticos. Forma parte do elenco internacional de La Tregua, película na que interpreta a un mariñeiro republicano de Muros. Protagonizado por Miguel Herrán e Arón Piper, o filme narra a historia dun grupo de presos españois de bandos enfrontados na Guerra Civil que rematan xuntos nun gulag da xélida estepa de Kazakistán durante a II Guerra Mundial.
Como lle chega este proxecto?
A través do director, Miguel Ángel Vivas, a quen coñecín nunha serie e con quen tamén coincidín en Asedio. Díxome que había un personaxe que encaixaba comigo, e así foi como entrei. Non coñecía esta historia real, e pareceume impresionante. Sabía o que foran os gulags e todo aquel tempo de Stalin, pero non tiña noticia de que houbera presos españois nese contexto.

Fotograma de 'La Tregua', a nova película de Miguel Ángel Vivas na que participa Federico Pérez Rey / Cedida
E quen é ese personaxe que interpreta?
O meu papel é o de Ermida, un mariñeiro de Muros que loitou no bando republicano e acabou fuxindo de España tras a guerra. É un deses homes que seguen pelexando en Europa, contra os nazis, e que acaban atrapados nun gulag. Dentro do grupo hai tamén outro galego, de Noia —interpretado por Alejandro Jato—, do bando nacional, da División Azul, e esa rivalidade local tamén está presente. Son pequenos detalles que dan vida á historia e que só entendemos os que somos de aquí.
La Tregua combina linguas, culturas e realidades moi distintas. Que supuxo iso para o equipo?
Hai de todo: español, ruso, kazako, alemán, asturiano e, por suposto, galego. Un montón de idiomas, pero no caso do galego houbo unha pequena “loita” para que o meu personaxe falase na súa lingua co de Noia. Ao final conseguimos que fose así, porque era o natural. Ás veces nestas rodaxes hai que insistir un pouco para que esa autenticidade non se perda.

Federico Pérez Rey durante a rodaxe de 'La Tregua', película na que interpreta un mariñeiro de Muros que remata nun gulag na II GM / Cedida
Hai outro toque moi galego na produción: o guionista tamén é de aquí.
Si, o guionista Fran Carballal é vigués, e iso nótase. Hai moitos pequenos detalles nos que se recoñece Galicia: a fala, as maneiras, esa humanidade que temos.
Para moita xente 'Fede' segue a ser sinónimo de comedia.
É certo que a xente me asocia máis coa comedia, pero nos últimos anos fixen moitas cousas máis dramáticas. Eu creo moito nos grises, nos matices: non hai drama absoluto nin comedia absoluta. De feito, moitas das mellores comedias nacen do drama. En La Tregua tamén hai retranca galega e ironía, porque é parte da nosa forma de ser, e iso tamén está no personaxe.
"Eu creo moito nos grises, nos matices: non hai drama absoluto nin comedia absoluta. De feito, moitas das mellores comedias nacen do drama"
A película recrea un gulag e rodouse integramente en Euskadi. Como foi esa experiencia?
Foi durísima, pero marabillosa. Rodamos nun antigo aeródromo entre Vitoria e Bilbao, un espazo enorme onde construíron o campo con barracóns, arame e neve. Ao final rodamos no inverno —en novembro, decembro e xaneiro—, así que pouco houbo que interpretar: o frío que se ve é real. Todos eses bafos e tremores na pantalla son auténticos, e iso axudou moito a meternos nos personaxes.

Federico Pérez Rey nun fotograma de 'La Tregua', película que se estrea este venres en cines tras pasar por San Sebastián / cedida
Que espera que leve o público cando vexa La Tregua?
É unha película dura, longa, pero moi humana. Fala do peor e do mellor do ser humano, de como se pode atopar humanidade mesmo no sufrimento. E tamén conta un episodio da nosa historia pouco coñecido e que non deberiamos esquecer. Creo que esa é unha das súas grandes virtudes: que nos fai reflexionar.
En que anda agora 'Fede'?
Agora mesmo andamos coa presentación desta peli, La Tregua, e a finais de novembro estréase tamén a serie Las hijas de la criada, baseada na novela gañadora do Premio Planeta de Sonsoles Ónega. Tamén a partir de novembro comezamos cos ensaios dunha nova montaxe do CDG, Memorias dun neno labrego, que me fai moitísima ilusión, porque o teatro é algo que a xente pensa que non fago, pero é porque non me chaman [ri].
Ademais, botei unha man na serie Animal, de Netflix, asesorando un pouco na parte lingüística. Foi unha cousa pequena, axudando con Lucía Caraballo e Carmen Ruiz, pero é un traballo que require tempo e dedicación, e ás veces as produtoras non apostan tanto por iso. Tamén hai algunhas cousiñas a comezos do ano que vén, pero aínda non podo contar moito. Así que, suficiente... un montón de cousas!
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Una bañense con cáncer a los 43 años logra más de 42.000 firmas para que adelanten el cribado
- La Guardia Civil incauta más de 1.500 plantas de marihuana en dos naves de Oroso y O Pino: seis detenidos
- Una física compostelana que trabaja para Amazon trae a Santiago la 'segunda revolución cuántica
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre
- La borrasca Claudia pone en alerta a Galicia: vientos de más de 100 Km/h y fuertes lluvias que se intensifican esta noche