A Xunta dota a Vimianzo dun novo camión grúa para reforzar a protección do medio ambiente
O vehículo, adquirido cunha achega autonómica de 130.000 euros, permitirá mellorar os traballos forestais e de conservación no municipio

Belen do Campo, na esquerda, coa alcaldesa de vimianzo Mónica Rodríguez / Cedida
El Correo Gallego
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou este mércores na recepción dun novo camión grúa adquirido polo Concello de Vimianzo grazas a unha achega da Xunta de Galicia de 130.000 euros, concedida ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo. O investimento total supera os 177.000 euros, xa que tamén inclúe a compra dunha minicargadora de oruga de goma, que se incorporará proximamente ao parque móbil municipal.
Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, once concellos beneficiáronse este ano destas axudas, cun importe conxunto de máis de medio millón de euros.
Belén do Campo destacou que «dispor de maquinaria moderna e adaptada é esencial para que os concellos poidan actuar con eficacia na protección do entorno natural». Segundo explicou, tanto o camión grúa como a minicargadora permitirán mellorar os traballos de limpeza, retirada de restos vexetais, mantemento de camiños e actuacións preventivas fronte aos incendios forestais.
A representante autonómica subliñou tamén que esta dotación «reforza a capacidade operativa das brigadas municipais e reduce o impacto ambiental dos traballos». O camión grúa, pola súa capacidade de carga, facilita o traslado de elementos pesados e reduce as emisións ao minimizar desprazamentos, mentres que a minicargadora protexerá a vexetación grazas á súa menor compactación do solo e á posibilidade de abrir sendeiros ecolóxicos sen danar a flora.
Belén do Campo puxo en valor a cooperación entre administracións, lembrando que «os concellos son os que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades». Ademais, incidiu en que este tipo de investimentos forman parte das liñas de apoio da Xunta para mellorar a eficiencia e a sustentabilidade na xestión municipal.
O Fondo de Compensación Ambiental (FCA) conta este ano cun orzamento de 11,2 millóns de euros, distribuído en dúas liñas —competitiva e non competitiva— que se financian co canon eólico. O programa busca contribuír á redución das emisións contaminantes e ao reequilibrio territorial, apoiando proxectos que promovan a eficiencia enerxética e a conservación do medio natural.
A delegada lembrou, ademais, que Vimianzo recibiu este ano outras axudas da Dirección Xeral de Administración Local, entre elas 43.750 euros para investimentos ambientais —compartidos con Dumbría— e 60.000 euros do Fondo de Compensación Local Adicional destinados á mellora da eficiencia enerxética do polideportivo de Baíñas.
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Raúl López: «Los presupuestos son más altos que en ACB»
- Los vecinos del Ensanche de Santiago señalan ante Raxoi y la Policía 15 locales de ocio nocturno conflictivos
- El mejor quinteto de la historia del Obradoiro vuelve a reunirse
- Una farmacia de Boiro entre las mejores de Galicia
- Ames y Teo se cuelan en el Top 10 de los concellos coruñeses de mayor renta
- Arde un coche por completo en plena autopista mientras circulaba por Santiago
- El influencer gastronómico Cenando con Pablo visita un asador en Teo y su reacción no deja indiferente a nadie: 'Atención a este crimen