MEMORIA DEMOCRÁTICA
Os 'Brazaletes' de Agirre e Manzanero suben ao escenario en Vimianzo da man de Amorodio Teatro
Os futbolistas desafiaron hai 50 anos á didatura nun partido en Santander

A preestrea da obra 'Os Brazaletes' será o día 17 no auditorio de Vimianzo. / Cedida
O 28 de setembro de 1975, nos Campos de Deporte de El Sardinero, o Racing de Santander enfrontábase ao Elche nunha tarde que semellaba rutineira. Porén, algo alterou o silencio da grada: Aitor Agirre e Sergio Manzanera, dous xogadores locais, portaban discretos cordóns negros nas súas mangas a modo de brazaletes. Foi un xesto sinxelo pero valente, un desafío á ditadura e unha protesta polos derradeiros fusilamentos do franquismo.
Cincuenta anos despois, Amorodio Teatro rescata esa acción simbólica con Brazaletes, unha peza de teatro documento e memoria democrática que converte o fútbol en escenario de resistencia. Neste monólogo, Javier Castiñeira, actor e cofundador da compañía, asume en solitario a tarefa de dar vida a figuras históricas que usaron o balón para defender a liberdade: desde Bebel García, capitán do Deportivo da Coruña fusilado en 1936, até Sócrates, estrela do Corinthians que se enfrontou á ditadura militar brasileira.

Cartel promocional da obra 'Brazaletes' que se preestreará en Vimianzo. / Cedida
O resultado é un monólogo de 70 minutos onde a interpretación de Castiñeira é o eixo central. A súa presenza escénica guía o espectador a través de diferentes épocas e xeografías, cun texto escrito por Ernesto Is e baixo a dirección de Santiago Cortegoso. Máis alá do recordo, a peza cuestiona de maneira directa as políticas machistas, corruptas e violentamente capitalistas que rodean ao chamado “deporte rei”, subliñando que o fútbol, como calquera expresión cultural, tamén pode ser un espazo de disidencia.
"Queremos lembrar que mesmo no terreo de xogo cabe a dignidade e a resistencia. Que o xesto máis pequeno pode converterse en memoria colectiva", explica Carmen Facorro, produtora e cofundadora de Amorodio Teatro. Pola súa parte, Castiñeira engade: "esta obra é unha homenaxe a quen se atreveu a saírse do guión. O noso deber como artistas é traer esas voces ao presente e poñelas fronte ao público".
A estrea de Brazaletes chega nun momento clave da traxectoria de Amorodio Teatro, compañía fundada en 2021 por Facorro e Castiñeira. Tras o seu debut con Reino da extinción, a agrupación consolidouse con A nai —galardoada co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e nomeada a Mellor Texto Orixinal nos Premios María Casares 2024— e explorou novas linguaxes con Cortello de amor. Agora, con esta cuarta produción, regresan ao teatro documento, reafirmando a súa vocación crítica e o seu compromiso coa memoria.
Residencia técnica en Vimianzo
Fiel ao seu compromiso co territorio e coa creación desde Galicia, Amorodio afronta agora con Brazaletes unha residencia técnica en Vimianzo, do 13 ao 17 de outubro, que non será só o espazo de ensaio último, senón tamén un punto de encontro entre a obra e a comunidade. Alí terá lugar a preestrea para público xeral o día 17 na Casa da Cultura, que contará coa presenza de Sergio Manzanera, protagonista do xesto que inspira a peza.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Muere una persona en Porto do Son después de chocar con un caballo
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- El héroe del último ascenso de la SD Compostela 'ficha' por el Deportivo