CULTURA
O Festival Escena Muller arranca en Dumbría coa mostra fotográfica 'Coreografías do facer'
As imaxes foron tomadas entre 1965 e 1968 por Gustav Henningsen

Asistentes á inauguración da mostra fotográfica no albergue do Conco, en Dumbría. / D. C.
O Festival Escena Muller (FEM) abriu a quinta edición no albergue do Conco (Dumbría) coa inauguración da exposición fotográfica Coreografías do facer, á que asistiron a deputada de Igualdade, Sol Agra; o alcalde de Dumbría, Raúl González; as alcaldesas de Camariñas, Sandra Insua, e de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e representantes de diversas entidades colaboradoras.
Comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do equipo do Museo do Pobo Galego, a mostra reúne unha coidada selección de fotografías históricas realizadas polo folclorista e antropólogo danés Gustav Henningsen entre 1965 e 1968, que documentan o labor feminino nas vilas e aldeas de Galicia. As imaxes forman parte do arquivo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. En Dumbría estarán expostas durante todo este mes de outubro.
Esta exposición representa, segundo sinalou a deputada Soledad Agra, «moita da filosofía coa que naceu o festival: a visibilidade das mulleres e a súa posta en valor a través da exposición cultural con impacto no territorio».
Sobre o FEM, a deputada de Igualdade valorou especialmente “dous aspectos que non atopamos noutros festivais culturais”. O primeiro, dixo, “que as actividades se desenvolvan en diferentes espazos; tanto no territorio, o dos concellos de Camariñas, Vimianzo e Dumbría, coma nos recintos onde se celebren as propostas; uns, máis convencionais, como as casas de cultura e os auditorios; outros, máis expositivos, coma os museos; e outros, de paso e encontro, coma as prazas, os paseos marítimos ou mesmo os adros”.
O segundo é que a programación poida gozala “non só o público xeral, senón tamén o máis novo”. “Achegar as artes escénicas aos CEIPS e os IES”, dixo, “permitirá a implicación da rapazada, contribuirá a construír un futuro máis concienciado e tamén lle abrirá a ese público novo a porta a coñecer artistas da súa contorna que lles poidan servir de inspiración para as súas inquedanzas creativas”
Agra agradeceu á compañía aAntena Teatro, organizadora do festival co patrocinio da Deputación da Coruña, a elección da Costa da Morte como sede desta quinta edición.
Programa FEM
Coa dirección de Xosé Leis e Bernardino Martínez, o Festival Escena Muller 2025 desenvolverase desde hoxe ata o 26 de outubro combinando propostas escénicas, accións ambientais, espazos de coidado, obradoiros, encontros interxeracionais e iniciativas de recuperación da memoria, coa vontade de facer da cultura unha ferramenta de transformación colectiva. Entre os nomes protagonistas do programa están os de Iria Sobrado, Estíbaliz Espinosa, Esther Carrodeguas, Iria Pinheiro, Noelia Darriba ou Lupe Blanco.
Esta edición aposta pola Costa da Morte como escenario vivo, recoñecendo o potencial cultural de concellos como Camariñas, Dumbría e Vimianzo, que, segundo a organización, “comparten un forte vínculo coa memoria e co territorio, e unha relación histórica co saber popular, a palabra e a resistencia cultural e comunitaria das mulleres”.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Llega el centollo a los mercados: claves para distinguir el gallego del de fuera
- Una bañense con cáncer a los 43 años logra más de 42.000 firmas para que adelanten el cribado
- La Guardia Civil incauta más de 1.500 plantas de marihuana en dos naves de Oroso y O Pino: seis detenidos
- Una física compostelana que trabaja para Amazon trae a Santiago la 'segunda revolución cuántica
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre