Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Ames denuncia a falta de actuación municipal ante un vertedoiro incontrolado nos Batáns

Os populares reclaman tamén a limpeza doutro punto en Fraíz, preto do Rego de Paramuíño, onde alertan da presenza de amianto

Vertedoiro ilegal nos Batáns

Vertedoiro ilegal nos Batáns / Cedida

El Correo Gallego

Ames

O Partido Popular de Ames vén de insistir na necesidade de retirar os residuos acumulados nun vertedoiro incontrolado nos Batáns, situado fronte ao cemiterio municipal. A formación lembra que xa presentara unha denuncia hai un ano sen que, segundo aseguran, o Concello tomase medidas efectivas.

No escrito rexistrado o pasado 7 de outubro, o PP lembra que o goberno local se comprometera en 2024 a contratar unha empresa para a retirada do lixo, pero «transcorrido un ano, o vertedoiro continúa exactamente igual que no momento da denuncia».

Os populares aseguran ademais non ter constancia de que se asinase ningún contrato menor para executar a limpeza anunciada polo concelleiro de Medio Ambiente daquela.

Vertidos

Vertidos / Cedida

Ademais deste punto, o PP afirma ter detectado outro vertedoiro incontrolado en Fraíz, nas proximidades do Rego de Paramuíño, onde —segundo explican— hai pranchas de uralita con amianto, o que consideran «un risco de contaminación e un perigo para a saúde das persoas e o medio natural».

O grupo municipal solicita que o goberno local proceda á retirada inmediata dos residuos e informe das medidas adoptadas para evitar a aparición de vertedoiros ilegais, tal e como prometera o ano pasado cando anunciou un reforzo da vixilancia da Policía Local.

Así mesmo, o PP pide que se aclare a data na que se realizaron os traballos de limpeza nos Batáns, se é que se fixeron, e que empresa os levou a cabo, e reclama saber cantos vertedoiros ilegais se localizaron no último ano e cantos expedientes sancionadores se tramitaron contra os responsables.

Tracking Pixel Contents