Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA

Daniel Pérez xa é o novo alcalde de Carballo

Promete dar continuidade a un proxecto "pensado por e para as persoas"

Daniel Pérez, amosando o bastón de mando, como novo alcalde de Carballo.

Daniel Pérez, amosando o bastón de mando, como novo alcalde de Carballo. / C. C.

Carballo

Daniel Pérez (BNG) xa é o novo alcalde de Carballo, tras asumir o relevo de Evencio Ferrero, quen deixou o cargo tras 22 anos no primeiro sillón municipal.

Nun ateigado salón de plenos, Pérez López, recibiu o bastón de mando de mans da concelleira Belén Lendoiro, e asumiu o compromiso de dar continuidade "a un proxecto pensado por e para as persoas", convencido de que "temos todo un futuro por gañar".

Daniel Pérez, recibindo os parabéns do seu antecesor, Evencio Ferrero.

Daniel Pérez, recibindo os parabéns do seu antecesor, Evencio Ferrero. / C. C.

O novo rexedor carballés asegurou que do seu antecesor, Evencio Ferrero, a quen ten como referente persoal e político, "aprendin a resistir, caer, levantarme e non renderme nunca" e tamén que "para ser un bo político é imprescindible ser unha boa persoa".

Subliñou que "este é un relevo para continuar o gran traballo desenvolvido nestes anos" e amosou o seu agradecemento a "todas as persoas que apostaron por este proxecto político". O obxectivo, engadiu, e seguir avanzando "para facer de Carballo un bo lugar para vivir".

Pérez tomando posesión como novo alcalde de Carballo.

Pérez tomando posesión como novo alcalde de Carballo. / C. C.

Afirmou que o seu goberno seguirá traballando nun "proxecto común e global para camiñar cara o Carballo do futuro", apostando por dotar as parroquias de máis servizos "para fixar poboación e dinamizar o rural. Queremos un rural vivo". Avanzarán tamén no plan de humanización do ámbito urbano e nun proxecto transformador dende os eidos da cultura e o deporte, "nos que Carballo xa é un referente en Galicia". Reforzar as políticas sociais e de igualdade, o turismo e a mellora económica son outros dos seus retos.

O novo alcalde con todos os membros da Corporación de Carballo.

O novo alcalde con todos os membros da Corporación de Carballo. / C. C.

Daniel Pérez asegurou que "aínda queda moito por facer" e lembrou que hai "proxectos vitais" que "a Xunta debe cumprir" como a ampliación do polígono de Bértoa, o novo centro de saúde, a circunvalación ou a mellora do transporte público.

Sinalou que practicará "a política de man tendida, baseada na lealdade, o diálogo e a participación", pois ten claro que "só escoitando á xente se acerta", concluíu Pérez.

Tracking Pixel Contents