Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Luís Pérez Alcalde de Ribeira

«É un clamor maioritario que non hai motivos para a moción de censura»

Salvo sorpresas, o rexedor nacionalista cederá mañá o bastón de mando á popular María Sampedro, que gobernará cos independentes do PBBI

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO / Antonio Hernández

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Tras dous anos e tres meses gobernando Ribeira, o nacionalista Luís Pérez deixa o cargo «coa cabeza moita alta» e convencido de que na súa xestión no houbo erros tan graves que xustifiquen a moción de censura que o luns lles dará o goberno a PP e PBBI. Unha manobra tras a que ve «intereses particulares» dos independentes e «nerviosismo» dun Partido Popular que, di, busca facerse coa Deputación coruñesa.

Con que sensación deixa a Alcaldía de Ribeira?

Marcho coa cabeza moi alta e sobre todo moi contento porque vin moitísimo apoio da xente de Ribeira e moitísimo cariño.

Cre que, de celebrarse eleccións neste momento, o BNG obtería un mellor resultado?

Creo que si. Vese no respaldo social que hai ao goberno de Ribeira pola rúa, nas redes sociais... É un clamor maioritario que este goberno estaba facendo as cousas ben e de que non hai motivos para a moción de censura.

«Deixamos de lado as grandes obras e puxémonos a investir os cartos no que realmente importa, que son os servizos básicos á poboación»

Deixa o cargo a metade do mandato. Que lle deu tempo a facer?

En primeiro lugar, cambiamos as prioridades do Concello, deixando de lado esas grandes obras que disparaban o seu prezo, e puxémonos a investir os cartos no que realmente importa, que son os servizos básicos á poboación. Por dar un dato só: son 5,5 millóns de euros os que investimos nas parroquias ao longo destes dous anos e medio en saneamento, auga potable e pavimentacións. Pero tamén fomos capaces de obter novos recursos e conseguimos un fito histórico en Ribeira que é ter máis de 6,5 millóns de euros de fondos europeos para revitalizar barrios esquecidos como Banda ao Río. E recursos doutras administracións, como o convenio de máis de 400.000 euros para renovar a rúa Cristóbal Colón, xunto co proxecto para facer de Cerqueira un epicentro de actividade social, deportiva e económica.

Teme que eses e outros proxectos estratéxicos que quedan deseñados ou avanzados corran perigo co cambio de goberno?

Espero que non, porque vou seguir dende a oposición fiscalizando o seu traballo, e pelexando e traballando coas asociacións de veciños que respaldan eses proxectos para que se leven adiante. E sobre todo que continúen tal e como estaban proxectados, porque están deseñados nese novo modelo de cidade centrado nas persoas.

«O señor Mariño traizoa á veciñanza á que lle dixo que nunca ía pactar co PP»

A que se refire exactamente cando di que detrás da moción de censura que impulsan PPe PBBI hai intereses particulares?

Remítome ás palabras dos propios asinantes da moción de censura do Partido Barbanza Independente, que no ano 2023 nos dicían que tiveron ofertas económicas enriba da mesa para non chegar a un acordo co Bloque Nacionalista Galego. Eu pregunto: se agora se subscribe a moción de censura, a que motivo responde? Houbo ofrecementos de maior contía para poder rachar ese acordo de maneira unilateral? Hai que preguntarllo a eles, porque foron os que dixeron que tiveron enriba da mesa ofertas económicas.

Luís Pérez, alcalde de Ribeira, na redacción de EL CORREO GALLEGO

Luís Pérez, alcalde de Ribeira, na redacción de EL CORREO GALLEGO / Antonio Hernández / Antonio Hernández Rios

Está a loita pola Deputación Provincial da Coruña detrás do interese do PP por Ribeira?

Creo que tamén xoga un papel decisivo esa estratexia. Que o PP está intentando facer mocións de censura alá por onde pode, buscando eses apoios incluso de partidos e de concelleiros tránsfugas para obter a Deputación Provincial e, por tanto, poder volver facer ese reparto clientelar dos recursos públicos cara os concellos onde gobernan. As enquisas reflicten un retroceso electoral do PP e iso ponos moi nerviosos e propicia este tipo de manobras.

En todo caso, que erros políticos, estratéxicos ou de comunicación cometeu o seu goberno que facilitaron a moción de censura?

Non creo que houbera erros tan graves como para facer esta moción de censura. Podeselle preguntar á veciñanza de Ribeira, que non vai dicir nin un só motivo tan grave como para facer este tipo de manobra de costas aos propios veciños e incluso aos propios membros da corporación municipal que que formaron parte do Partido Barbanza Independiente.

«O que non vai atopar o goberno do PP e PBBI é un BNG que poña paus nas rodas e que lle diga a todo que non como fixo o PP»

Faltoulle olfato para prevelo?

Non, para nada. Eu tiña información de que por parte de militantes do PP e do PBBI estaban producíndose contactos, pero cría na palabra do señor Mariño, está claro que non se pode confiar na súa palabra, e sobre todo confiaba en que se ía cumprir un acordo de goberno subscrito no ano 2023. De que vale entón subscribir eses acordos se despois traizoas a ese goberno? E sobre todo traizoas a vontade da veciñanza á que lle dixeches que non ías pactar nunca co PP porque non podía volver gobernar, como dixo o señor Mariño no ano 2023 e na campaña electoral.

Ve posible chegar acordos co executivo que vai liderar María Sampedro?

Eu espero que si. O que non vai atopar o goberno do PP e PBBI é un BNG que poña paus nas rodas e que lle diga a todo que non como fixo o PP. Faremos unha oposición construtiva e en positivo.

Volverá ser candidato no 2027?

Eu non vou deixar tirados aos veciños de Ribeira. Se eles queren que volva presentarme, a miña disposición é total.

Que consello lle daría á futura alcaldesa?

Que fale cos veciños e veciñas e que sexa unha alcaldesa para todas e todos, ao marxe de a quen teñan votado. Porque o que acostuman facer é favorecer os seus electores e deixar abandonados os demais.

Tracking Pixel Contents