Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Doce muxianas reviven unha escola como punto de lectura

«Emprestar e ler non lle fai mal a ninguén», afirman

Tres das promotoras no Punto de Lectura de San Martiño, en Muxía.

Tres das promotoras no Punto de Lectura de San Martiño, en Muxía. / Cedida

Muxía

Unha ducia de veciñas de San Martiño de Ozón (Muxía) puxeron en funcionamento un punto de lectura na antiga escola de Quintáns, a localidade con máis poboación das trece que integran a parroquia.

Todas comparten o amor pola lectura e decidiron facelo chegar á veciñanza mediante a iniciativa de crear o punto Libros Libres. A idea xurdiu das conversas sobre as lecturas que cada unha tiña na súa mesa de noite e os libros que ían acumulando.

Durante esas charlas chegaron á conclusión de que moitas tiñan exemplares de libros que podían compartir e poñer a disposición doutras persoas ás que lles puideran interesar. Empezaron por xuntar algúns exemplares, fixéronse cun pequeno moble e puxéronse a deseñar uns carteis para anunciar a iniciativa.

Así naceu este espazo no que «o único requisito para ler ou levar un libro é escoller o que a cadaquén lle apeteza», afirman Maruxa, Iluminada, África, Carmen, Pilar, Florinda, seis das impulsoras da iniciativa.

Recuncho do punto Libros Libres na vella escola de Quintáns, en Muxía.

Recuncho do punto Libros Libres na vella escola de Quintáns, en Muxía. / Cedida

Basta con poñerse en contacto coa persoa encargada de abrir o punto -Maruxa de Gonzalo- escoller unha lectura e anotar o nome e o título do libro que se leva. «Non hai ningún outro trámite nin tampouco prazo de devolución», afirman.

As impulsoras da idea pensan que con esta iniciativa as súas lecturas «formarán parte dun proxecto colectivo». Invitan a outras veciñas e veciños a sumarse á proposta deixando na escola algún exemplar.

Nos estantes hai libros en galego, castelán e inglés, e tamén revistas, ficción e ensaio, clásicos, best sellers, obras de premios Nobel ou Planeta, obras infantís, banda deseñada… Unha miscelánea que pretende que todo o mundo poida atopar algo de interese. «Emprestar libros e ler non fai mal a ninguén», afirman.

Convidan á veciñanza a gozar da lectura facendo súa a frase que redactou para elas unha profesora de lingua: «Colle este libro, lévao a casa, ensínalle o teu lugar favorito para ler, comparte con el o teu aperitivo ou preséntallo ás túas amizades. Quen sabe? Se cadra tedes futuro!»

Tracking Pixel Contents