Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA

Estrea intensa de Daniel Pérez na Alcaldía de Carballo

Recibiu chamadas do subdelegado do Goberno, o xefe de Costas e do conselleiro de Educación

Daniel Pérez, co concelleiro Luis Lamas, no centro, e o párroco José García, na Alcaldía.

Daniel Pérez, co concelleiro Luis Lamas, no centro, e o párroco José García, na Alcaldía. / C. C.

Carballo

O novo alcalde de Carballo, Daniel Pérez (BNG), comezou a súa andadura no primeiro sillón municipal cunha intensa axenda. Ao longo da mañá recibiu as chamadas de Julio Abalde, subdelegado do Goberno; Carlos Gil, da Demarcación de Costas; e de Román Rodríguez, conselleiro de Educación, entre outros.

Ademais, reuniuse, xunto co novo concelleiro Daniel Barreiro, co presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, para abordar a organización dun evento deportivo en Carballo.

O novo rexedor carballés, que colleu o relevo de Evencio Ferrero tras 22 anos de alcalde, tamén se reuniu este luns xunto co concelleiro de Obras, Luis Lamas, o párroco de Carballo, José García Gondar, para avaliar un posible convenio entre o Concello, e o Arcebispado de Santiago de Compostela, para crear un novo equipamento público en Rus.

Críticas do PSOE

Non obstante, dende o PSOE carballés lamentan que o novo alcalde optase por "estrearse no cargo xurando cumprir a Constitución Española por imperativo legal no pleno de investidura". 

A voceira socialista María Carmen Vila afirmou que "nesta cuestión non pode haber medias tintas, ou estás coa Constitución que garante a convivencia e igualdade de todos e todas en España ou estás contra ela". 

Ademais, os socialistas censuran a decisión do novo rexedor de non acudir á cerimonia relixiosa no día da festividade do Pilar, "á que si acudía o seu predecesor o tamén nacionalista Evencio Ferrero, pero si aos pinchos posteriores".

Vila di que "o alcalde representa á cidadanía de Carballo e a unha institución como é o Concello, e polo tanto, se di representar a toda a veciñanza, ten que guiarse por criterios institucionais e non polas súas crenzas persoais". 

Tracking Pixel Contents