AUDIOVISUAL
Sete cineastas emerxentes compiten nos Premios Fouciño de Baio
Na categoría escolar foron seleccionadas as obras de seis centros

A quinta edición dos Premios Fouciño celebrarase do 23 ao 25 de outubro en Baio. / Cedida
Sete curtametraxes en galego de cineastas emerxentes competirán no concurso dos V Premios Fouciño, que se celebrarán en Baio (Zas) do 23 ao 25 de outubro.
Os elixidos na categoría xeral son Luján Monteiro e Alba López con A pena das troiteiras; Cristóbal Añón Blanco con Somnia; Mateo Bouzada con Santa Compaña; Iago Lourido con Solposto; Antía Carreira con Pupa; e Sandra Ramilo estreará internacionalmente no certame a súa última peza Maltrix.
Pola súa banda, na categoría escolar, as pezas e centros seleccionados son o IES Valadares (Vigo) con Un can galego (Un chien galicien); o CEIP Plurilingüe San Vicenzo (Vimianzo) con Coas mans baleiras; o CPIP Cabo da Area (Laxe) con Redes; o IES Maximino Romero de Lema (Baio) con Párao, actúa!; o CEIP Plurilingüe da Espiñeira (Aldán) con Coas mans baleiras; e o IES Isidro Parga Pondal (Carballo) con A verdade que calamos.
Os galardóns serán de 1.000 € para a categoría xeral, 500 € para a escolar e un premio do público de 150 € para cada categoría.
A programación
O festival botará a andar o xoves 23 de outubro coa proxección de Pura, curtametraxe de Carmen Méndez, gañadora dos Mestre Mateo este 2025 e, ademais, madriña desta edición do certame. Despois do pase haberá un coloquio coa directora.
O venres 24 o público poderá asistir a unha sesión de catro curtametraxes que conectan no concepto de diversidade: Delincuente, de Alba Domínguez e Nuria Vil; O Coidado, de Miguel Canalejo; Abellón, de Fon Cortizo e La casa de la abuela, de Ashling Ocampo. A noite rematará cun concerto da cantante coruñesa Sofi Peries e un concurso de karaoke cinéfilo.
O prato forte do festival será o sábado 25, coa proxección das curtas presentadas a concurso e a gran festa final na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e Tonita, conformando un cartel que aposta polos novos talentos e a música en galego. Antes, a mediodía, tamén haberá a proxección da curtametraxe do obradoiro infantil de cinema e a peza Un peixe é un peixe de Marilar Alexandre e Alberto Pombo, gravada en Fisterra.
Obxectivos e organización
Os Premios Fouciño de cinema nacen coa intención de dinamizar a Costa da Morte e loitar contra o seu illamento cultural, achegando unha programación innovadora e vangardista a un concello rural como é Zas.
Desde a primeira edición, os Fouciño convertéronse nun importante punto de encontro do sector e fixéronse un oco dentro do panorama audiovisual galego. Logo do éxito da derradeira edición, os Premios Fouciño, primeiro certame de curtametraxes da Costa da Morte, afrontan a súa quinta edición, co obxetivo de volver a traer o mellor do cine galego de cada ano a Baio.
Da organización encárgase a Asociación Cultural Premios Fouciño, coorganiza o Concello de Zas e colabora a Deputación da Coruña.
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- El héroe del último ascenso de la SD Compostela 'ficha' por el Deportivo
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Viveiros Compostela pone color a la Navidad: 'Cada año se vende más flor de Pascua
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento