Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A comunidade educativa do CEIP O Grupo de Ribeira logra o nomeamento dunha mestra substituta tras seis semanas de mobilizacións

A Consellería de Educación designa á nova titora de 3ºB de Primaria, que se incorporará o luns 20 de outubro, despois dunha ampla campaña reivindicativa da ANPA, o claustro e as familias

Unha protesta no CEIP O Grupo de Ribeira en setembro

Unha protesta no CEIP O Grupo de Ribeira en setembro / Cedida

El Correo Gallego

Ribeira

A Consellería de Educación acaba de nomear á mestra substituta da titora de 3ºB de Educación Primaria do CEIP O Grupo de Ribeira, que se incorporará o luns 20 de outubro a tempo completo. A decisión chega tras seis semanas de mobilizacións impulsadas pola comunidade educativa do centro, que incluíron concentracións, caceroladas, folgas e recollidas de sinaturas.

Desde a ANPA O Grupo expresaron a súa satisfacción polo resultado, que consideran «un logro froito da unión mantida e de non renderse ante as sucesivas negativas por parte da Xunta de Galicia». A asociación lembrou que durante este tempo contaron co apoio do claustro de profesorado, da dirección do centro e de toda a corporación municipal, que aprobou unha moción cidadá a favor da súa demanda.

No comunicado difundido polo colectivo, a ANPA agradeceu tamén o respaldo das familias, entidades locais, outros centros educativos e dos partidos con representación municipal e parlamentarios do BNG e PSdeG, que presentaron iniciativas no Parlamento galego. «Esta é unha vitoria colectiva que demostra que a unión fai a forza e que é posible defender os dereitos básicos do alumnado», engadiron.

Co nomeamento da nova mestra, o centro contará de novo con 13 unidades e 13 titorías completas de Primaria, o que permitirá retomar proxectos educativos, reforzar gardas e cubrir vacantes puntuais. A comunidade educativa anuncia que desconvoca as concentracións e caceroladas dos luns e que retirará as pancartas da fachada do colexio, agás a que reivindica un ensino público de calidade.

Aínda así, a ANPA avanza que continuará trasladando á Consellería outras demandas pendentes, como as obras de mellora no edificio da vella comisaría, a cuberta de Infantil, o pintado exterior e o arranxo do pavillón, ademais de solicitar máis persoal de apoio educativo e atención á diversidade, dado que o colexio conta con arredor dun cento de alumnos e alumnas con NEAE, o que supón o 25% do total.

«Desexámoslle moita forza á nova mestra e agradecemos a todas as persoas e institucións que nos apoiaron nesta loita. Sen esa implicación, nada se tería conseguido», conclúe o comunicado da ANPA O Grupo.

Tracking Pixel Contents