Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Deputación inaugura en Boiro a exposición “Golfiños na proa” sobre a biodiversidade mariña galega

A mostra, organizada coa CEMMA, poderá visitarse na Casa Consistorial ata o 4 de novembro e inclúe visitas guiadas para escolares

Na esquerda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García

Na esquerda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García / Cedida

El Correo Gallego

Boiro

A Deputación da Coruña inaugurou en Boiro a exposición “Golfiños na Proa”, unha proposta divulgativa sobre a riqueza e biodiversidade da costa galega desenvolvida pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). No acto participaron a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero.

Durante a inauguración, Rosa Ana García salientou a importancia de concienciar sobre a protección do medio mariño e das costas galegas, “«especialmente a Ría de Arousa, porque é un tesouro de biodiversidade mariña»”, sinalou. A deputada fixo tamén referencia á toniña ibérica, “«un mamífero mariño que se atopa actualmente en perigo de extinción, a pesar de que Galicia alberga a maior poboación de toda a costa ibérica»”.

A representante provincial destacou ademais que “«con iniciativas coma esta exposición reforzamos o noso compromiso coa educación ambiental e coa conservación do noso valioso patrimonio natural»”.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, subliñou o valor educativo e de concienciación ambiental da mostra, que nas vindeiras semanas será visitada por escolares do municipio, acompañados polos técnicos da CEMMA.

A exposición “Golfiños na Proa” inclúe paneis informativos sobre os diferentes cetáceos e mamíferos mariños de Galicia, así como restos óseos de cetáceos, lobos mariños e tartarugas. Poderá visitarse ata o 4 de novembro no vestíbulo da Casa Consistorial de Boiro.

A Deputación tamén ofrece aos centros de Educación Primaria a posibilidade de realizar visitas guiadas, co obxectivo de achegar aos máis pequenos o coñecemento da fauna e dos ecosistemas mariños galegos.

Tracking Pixel Contents