Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

106 anos... e os que quedan

Veciña de Trazo dende hai máis de oitenta anos, Mª del Pilar Paredes Novío celebra o seu natalicio con boa memoria, moita fe e a ilusión intacta por ver gañar ao Real Madrid. Na actualidade, mantén a súa rutina diaria con oracións, lecturas, pasatempos, paseos, partidas de cartas e vendo fútbol na televisión

A bañense María del Pilar Paredes Novío no seu domicilio de Trazo, onde vive.

A bañense María del Pilar Paredes Novío no seu domicilio de Trazo, onde vive. / Cedida

Mario Fajardo

Trazo

Onte, 17 de outubro, María del Pilar Paredes Novío cumpriu 106 anos. Vive en Trazo, onde chegou de moza desde A Baña, e onde atopou o seu marido e fixo toda a súa vida. Sobriña dun cura, conserva unha fonda fé relixiosa e unha rutina que segue con disciplina e bo humor.

«Non sei cal é o segredo para chegar ata aquí», di entre risas. «Eu non fixen nada raro nin fago nada diferente. Comer e pasar o tempo como podo, xogar ás cartas, facer sopas de letras e así».

Cada mañá, o primeiro que fai é rezar. Na casa din que, cando hai algún problema ou enfermidade, mentres todos buscan medicinas ou remedios, ela reza. Esa fe acompáñaa dende nena: lembra con cariño a súa primeira comuñón cando só tiña 9 anos, os labores que facía na igrexa e tamén a súa etapa no teatro e no coro da parroquia, onde cantaba «moi ben».

O seu día a día

A súa rutina é tan precisa como tranquila. Levántase entre as 10.00 e as 10.15 horas, reza, almorza, pasea un pouco e, a mediodía, come. Non volve a cama para facer sesta, pero ás veces dorme un intre no sillón.

Polas tardes le –moito e ben—, fai sopas de letras e xoga ás cartas. Cando remata unha revista de pasatempos, pide outra de inmediato. Cea ás 21.00 h e ás 23.00 h xa está sempre na cama para descansar.

María del Pilar Paredes Novío lendo unha revista na súa casa en Trazo.

María del Pilar Paredes Novío lendo unha revista na súa casa en Trazo. / Cedida

Os anos pasan, pero as afeccións seguen intactas

Tamén lle gusta a televisión, onde ten unhas preferencias moi claras: «Gústame ver ao Real Madrid, véxoo sempre para que gane desde fai xa moitos anos. E ao Barcelona ou ao Atlético, véxoos tamén, pero para que perdan», conta cun sorriso. Os días de partido, a televisión ten que estar preparada media hora antes. Esta semana, estivo pendente tamén dos partidos da selección española.

De saúde atópase ben, apenas está un pouco peor do oído, xa escoita menos. Pero para iso tivo un agasallo que lle fixo moita ilusión: uns cascos inalámbricos cos que segue mellor as misas e os partidos, dúas das súas grandes paixóns.

Na mesa segue disfrutando: o arroz con leite é a súa sobremesa favorita, pero tamén goza se pode comer un chourizo criollo ou mesmo dun pouco de churrasco.

Mañá ten previsto facer a celebración do seu 106 aniversario, acompañada da súa familia e dos seus fillos, rodeada de afecto e desa tranquilidade que, quizais, sexa o verdadeiro segredo da súa lonxevidade. Na casa todos o teñen claro:«Nadie diría que ten 106 anos», constatan.

Tracking Pixel Contents