Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Esteban Ares Alcalde de Lousame

«A nosa gran vantaxe é que temos unha boa situación e moito chan urbanizable»

Dous anos despois de chegar á Corporación municipal, o novo rexedor asume o reto de substituír a Teresa Villaverde á fronte do goberno local

Esteban Ares, alcalde de Lousame, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO

Esteban Ares, alcalde de Lousame, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Santiago

Esteban Ares (PP) quere aproveitar ao máximo o ano e nove meses que restan de mandato municipal e sentar as bases dun proxecto máis a longo prazo no que ve esencial que o Concello de Lousame gañe poboación. Para iso, ten clara a receita: máis servizos e apoios para que empresas e familias asenten no municipio.

Xa se acostumou á vertixe de ser alcalde?

Dá vertixe, si. Aínda que Lousame sexa un municipio pequeno de 3.000 habitantes, é unha responsabilidade moi grande. Pero véxoo con moita ilusión. Chegar a ser alcalde do teu pobo é unha das maiores honras que podes ter, e ao mesmo tempo, tes que asumila coa cautela de saber que tes que responder ao cargo que ocupas.

Pódese cumprir coas obrigas dun alcalde cunha dedicación parcial como a que ten vostede?

Efectivamente, eliminamos a dedicación exclusiva que tiña Teresa e aprobamos unha dedicación parcial porque eu traballo na actividade privada. Son avogado e non podo deixar de exercer a miña profesión. Na política hoxe estás e mañá non, pero o negocio non se pode abandonar. Na práctica, neste primeiro mes o Concello absorbeume porque hai que poñelo todo a andar. Pero a partir de agora imos facer un traballo máis en equipo, máis colexiado. Somos seis concelleiros e todos temos que estar en primeira liña.

«Necesitamos asentar poboación e para iso hai que dar servizos»

Como foi este primeiro mes de traballo?

O primeiro foi organizarnos, non houbo que facer grandes cambios no reparto de áreas. Si que houbo que preparar á nova concelleira, que levará as competencias de Protección Civil. E empezar a recibir os veciños. Desde o primeiro día veñen polo concello para coñecerche e lembrarche o que lle dixera a anterior alcaldesa. Xa temos en marcha unha serie de encontros polas parroquias para escoitar as súas demandas. E, sobre todo, traballar cos traballadores municipais para que a maquinaria siga funcionando.

Que aprendeu dese tempo traballado ao carón de Teresa Villaverde?

De Teresa Villaverde podes aprender moitas cousas. O que máis aprendín eu é o amor que sinto polo Concello. Somos un municipio pequeno, rural, pero temos que estar orgullosos del e non sentirnos menos que nadie. Non somos menos que Noia, que Outes ou que Porto do Son. Tamén aprendín da capacidade de sacrificio de Teresa. Hai que botarlle horas e tenche que gustar.

Esteban Ares, alcalde de Lousame

Esteban Ares, alcalde de Lousame / Jesús Prieto / Jesús Prieto

E superadas xa as primeiras semanas, cales van ser as actuacións prioritarias no que resta de mandato?

Oque necesitamos é asentar poboación e temos que ir facendo políticas en diferentes ámbitos enfocadas nese obxectivo. O máis importante é darlles servizos en condicións a todos os cidadáns. E hai que empezar polo saneamento e a cobertura 5G. Temos en marcha a construción dunha depuradora preto do colexio, cun investimento da Xunta de máis dun millón de euros, que vai marcar un antes e un despois na zona.

Como complica ese labor de dar servizos a dispersión xeográfica?

Moito.Temos unha dispersión xeográfica enorme: 83 núcleos en 92 kilómetros cadrados. É unha barbaridade. Nós temos que facer un saneamento para un núcleo de catro casas, que o merecen igual que o resto. O investimento é enorme e iso obríganos a ir pouco a pouco. Nos últimos anos avanzouse moitísimo, pero segue habendo xente que non ten saneamento. Temos unha vantaxe respecto doutros concellos: temos moito chan urbanizable, tanto para construír vivendas como para a medio prazo ter un polígono.

«Teriamos que recibir algunha compensación por acoller a planta de residuos de Servia»

A diferenza doutros concellos próximos, Lousame non o ten...

E temos unha situación boa, próxima a Santiago, cun corredor que se vai desdobrar. Opunto de partida é bo. Ata que elaboremos os orzamentos do 2026 non podemos especificar como imos facer, pero imos adoptar medidas para asentar poboación, con incentivos fiscais e á natalidade que temos que definir. O obxectivo é atraer empresas pero tamén familias e que todos os que veñan se sintan apoiados polo Concello.

É viable que a curto prazo Lousame consiga ese ansiado polígono industrial?

A curto prazo é complicado. Hai dúas opcións xeográficas dispoñibles, pero hai moitos condicionantes e moita burocracia, e iso complica a iniciativa privada. A planificación é a anos vista, pero a medio prazo si é factible.

Debe recibir Lousame unha compensación por acoller no seu territorio a planta de tratamento de residuos de Servia?

Si, creo que Lousame debera ter algún tipo de compensación porque xeograficamente témola que aguantar aí, unha reducción no custo ou unha exención. Ímolo pelexar, pero o problema máis inmediato da planta é a súa viabilidade no futuro. Herdamos unha situación moi complexa, cunha débeda enorme coa empresa FCC e hai que cambiar o modelo de xestión de residuos ou reconducilo. É un debate complicado que ten por diante a Mancomunidade Serra do Barbanza.

Un reto que seguramente quedará para o próximo mandato...

Si. Agora, o primeiro é que a xente vexa que o Concello, tras a marcha dunha persoa tan importante como Teresa, non vai funcionar peor, aproveitar o ano e nove meses que quedan e ir preparando un proxecto máis a longo prazo que se poida someter ao veredicto das urnas no ano 27. Esa é a idea.

Tracking Pixel Contents