Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Críticas do PSdeG aos orzamentos da Xunta de Galicia na área compostelá

Os deputados socialistas Aitor Bouza e Silvia Longueira expresan o seu malestar, mentres que os populares Carmen Pomar e Ángel Rodríguez defenden que cumpren coas necesidades de cada municipio

Aitor Bouza, deputado socialista

Aitor Bouza, deputado socialista / Cedida

El Correo Gallego

Santiago

As primeiras reaccións aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 chegan con críticas desde o PSdeG nas comarcas da provincia da Coruña. Os deputados socialistas Aitor Bouza e Silvia Longueira coinciden en sinalar que as contas presentadas polo Goberno de Alfonso Rueda «non dan resposta ás necesidades reais da cidadanía» e que, na súa opinión, «manteñen o abandono das zonas do interior e da área compostelá».

En Santiago de Compostela, o parlamentario Aitor Bouza asegurou que a Xunta «volve desprezar a comarca de Compostela», lamentando que os orzamentos «non inclúen grandes obras nin investimentos suficientes para mellorar a vivenda, a sanidade ou a dependencia». Bouza criticou tamén que o crecemento do gasto autonómico «é inferior á inflación», ao medrar só un 2,1 % fronte a un IPC previsto do 2,8 ou 2,9 %, o que, segundo dixo, «é perder, aquí e na China, por moito que digan o contrario».

O deputado defendeu que o PSdeG presentará emendas para reforzar as partidas destinadas ao benestar cidadán e acusou ao presidente Rueda de «impedir que Galicia dispoña de máis recursos ao rexeitar a condonación da débeda proposta polo Estado», que permitiría, segundo os socialistas, aforrar ata 620 millóns de euros. Tamén lembrou que «Galicia deixou de ingresar 731 millóns polas rebaixas fiscais aos máis ricos», o que, di, limita a capacidade da Xunta para reforzar os servizos públicos.

Pola súa banda, desde Ordes, a deputada Silvia Longueira denunciou que as contas para as comarcas do interior coruñés destinan «cantidades ridículas ou practicamente inexistentes». Segundo explicou, Ordes, Frades e Tordoia contarán con apenas 200.000 euros para saneamento e abastecemento de auga, mentres que na comarca de Arzúa «só Boimorto recibe 100.000 euros para o saneamento».

Longueira cualificou o documento económico de «campaña publicitaria mellor que contido real», e advertiu de que «mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos». A deputada destacou tamén que a partida de Sanidade apenas medra en 157 millóns respecto a 2024, o que, segundo afirmou, «significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria».

Ambos deputados coinciden en que os orzamentos autonómicos non dan resposta ás necesidades sociais nin garantizan un equilibrio territorial real, e reclaman maior investimento público nas comarcas do interior e na área de Compostela para asegurar unha Galicia «con dereitos e oportunidades para todos os seus habitantes».

En resposta ás críticas, os deputados do Partido Popular, Carmen Pomar e Ángel Rodríguez, destacaron que os orzamentos «cumpren coas principais demandas dos concellos» e inclúen actuacións en sanidade, servizos sociais e infraestruturas. Segundo os populares, estas contas son «para as persoas, sensibles cos máis vulnerables e que fan de Galicia, tamén dos concellos máis pequenos e rurais, o mellor lugar para vivir», e permitirán continuar con programas de dependencia, vivenda pública e mellora da mobilidade na comarca de Santiago de Compostela.

Tracking Pixel Contents